Vitae achega en xuño un curso sobre observabilidade en arquitecturas de microservizos
martes, 20 de maio do 2025
Vitae Consultores vai organizar esta tempada unha nova actividade formativa destinada a mellorar o día a día das e dos profesionais TIC e, por extensión, das empresas do sector. Trátase do curso Observabilidade en Arquitecturas de Microservizos, que se desenvolve os días 10, 12, 17 e 19 de xuño. Terá 12 horas de formación e celebrarase con formato de aulas virtual e clases en directo con posibilidade de consultalas.
Segundo adiantan dende Vitae, as arquitecturas de microservizos presentan unha serie de desafíos diferentes aos que nos atopamos ao desenvolver sistemas monolíticos, e un destes desafíos é a observabilidadd (o11y): saber que pasa, onde e cando. Este curso pretende achegar ao alumno as solucións habituais para liquidar o problema da observabilidade, máis aló dunha tecnoloxía ou librería concreta. A través dun exemplo sinxelo con varios microservizos Rest Node.js irase construíndo unha solución de o11y, comezando cunha capa de logging distribuído á que se engadirán métricas pull con Prometheus e trazas distribuídas con Open Telemetry. “Isto”, sinalan dende Vitae, “permitiranos entender cada un destes aspectos de observabilidade, como afrontalos e ter un exemplo de solución con tecnoloxías e librerías de uso común”.
Obxectivos
-Entender a necesidade e solucións de observabilidade en arquitecturas de microservizos e como afectan á depuración de erros e á optimización de rendemento.
-Saber que é o logging distribuído e como explotalo.
-Entender un sistema de métricas e como obter valor das mesmas.
-Comprender como funciona unha traza distribuída e para que vale.
O curso está dirixido a persoas esenvolvedoras que traballen con arquitecturas de microservizos ou arquitectos que deban definir estas arquitecturas e queiran coñecer que opcións hai para implantar o11y. É necesario ter un coñecemento suficiente de JavaScript e microservicios Rest para poder entender os exemplos que se verán no curso.
A persoa formadora será David Barral, enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña en 2005, é socio fundador de Trabe Solucións S.L onde realiza desde 2006 labores de desenvolvemento, consultoría e formación. Participou en múltiples proxectos para grandes empresas do sector retallista, telecomunicacións e para administracións públicas. Traballou con diferentes tecnoloxías como JavaEE ou Ruby on Rails, pero na última década especializouse no desenvolvemento con JavaScript tanto de aplicacións frontend con React como backend con node.js e arquitecturas de microservizos. No día a día desenvolve frameworks de frontend e de microservizos para que outros desenvolvedores poidan crear aplicacións e servizos de maneira sinxela. Como formador leva ensinando Java e JavaScript desde 2009 a administracións públicas como o Concello e a Universidade da Coruña, e a outras empresas TIC como Denodo, Softtek, Aldaba, Balidea ou Vector. Foi profesor en varias edicións do Master On Free Software de Igalia e colabora todos os anos co Master Universitario en Enxeñería Informática e coa Facultade de Informática da Coruña impartindo seminarios. Ademais, imparte charlas e obradoiros de Ruby on Rails, Java, Javascript e deseño e desenvolvemento de software en diferentes foros tanto a nivel local como nacional.