Vitae achega unha nova edición do curso que nos permite autocoñecernos como profesionais

martes, 7 de novembro do 2023 S. P.

A consultora galega Vitae achega neste punto de inflexión entre novembro e decembro a cuarta edición dun curso que nos subministra claves e ferramentas para coñecer e calcular as nosas capacidades e limitacións e tamén as do noso equipo de traballo, buscando sacar os mellores froitos desa conxunción de talentos que vén a ser unha empresa, neste caso concreto unha empresa TI. Estamos a falar do curso Autocoñecemento do Perfil Profesional, Psicoloxía do traballo, de 15 horas de duración. Desenvolverase en formato de aula virtual os días 28 e 30 de novembro e os días 4, 12 e 14 de decembro.
Esta actividade formativa vai directa a corrixir un baleiro formativo importante que para Vitae Consultores é fundamental superar para o funcionamento do noso equipo e da nosa empresa: a inexistencia de ferramentas e metodoloxías psicolóxicas básicas e útiles que nos axuden a coñecernos a nós mesmos.
Segundo explica Vitae, o primeiro paso para emendar a dia eiva é afondar no autocoñecemento (imprescindíbel para traballar de maneira axeitada en equipo). “Coñecernos a nós mesmos facilitará a comprensión do noso perfil profesional e dos perfís profesionais diferentes ao noso, o que mellorará a comunicación e a colaboración, xa que se entenderán as intencións e motivacións reais das persoas con diferentes perfís, diminuíndo os conflitos debido a unha incorrecta interpretación na comunicación con outras persoas”.
En definitiva, neste curso proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento con vistas a ter unha perspectiva baseada na ciencia para marcar as pautas dun correcto camiño profesional e do traballo en equipo.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE