Vitae adéstranos nas boas prácticas de desenvolvemento e operacións que brinda a ITIL

mércores, 1 de xullo do 2020 Sonia Pena

Malia a adversidade que acabamos de vivir este ano 2020, con todas as súas graves consecuencias sociais e económicas, a necesidade de formarnos para dar novos pasos como profesionais TI segue máis vixente ca nunca. A consultora Vitae, neste senso, é sen dúbida unha porta segura na que chamar, dando continuidade a todos os seus cursos e engadindo novidades a través das posibilidades que ofrecen as tecnoloxías en formación virtual. Un dos cursos destacados para este verán é a nova edición do Curso de ITIL Foundations en IT Service Management.
A través desta actividade teremos a oportunidade mergullarnos na administración avanzada de servizos tecnolóxico-dixitais baseada nas boas prácticas de xestión, desenvolvemento e operacións que brindan os conceptos reunidos na Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información (ITIL polas súas siglas en inglés).
A oitava edición do curso, que vén con opción a certificación, vaise desenvolver online cunha duración de 18 horas, os días 14, 15, 16, 21, 22 e 23 de xullo. O curso será impartido por un formador acreditado dun centro oficial e autorizado (provedor certificador de ITIL).
A actividade formativa, segundo informa Vitae, brinda aos participantes o coñecemento dos principios e elementos principais da xestión de servizos de TI (ITSM) baseada nas boas prácticas definidas na ITIL. Asemade, ao seu remate fornece a posibilidade de obter a certificación ITIL Foundation in IT Service Management (última versión).
O público obxectivo ao que se dirixe esta actividade formativa son xerentes e responsábeis de servizos e infraestruturas tecnolóxicas da información, propietarios de procesos, responsábeis de aplicacións, proxectos e negocios relacionados coas novas tecnoloxías e membros e membros da xerencia de novas tecnoloxías relacionados co soporte e entrega dos servizos.
Os bloques temáticos son Xestión de servizo e ciclo de vida do servizo, Estratexia de servizo, Deseño de servizo, Transición de Servizo, Operación de Servizo e Mellora continua do servizo. O curso desenvolverase no Centro Social AFundación.
O encargado de impartir os contidos será Guillermo Hernández Fernández, enxeñeiro superior en Informática pola Universidade Complutense de Madrid e experto en materia de ITIL e en integración de servizos na nube seguros.

PUBLICIDADE