Vitae apréndenos a sermos máis eficientes co seu curso sobre Kanban e Lean TI

mércores, 13 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Din algúns investigadores que a paciencia non é a nai da ciencia, senón a eficiencia. Ou sexa, a nosa capacidade para lograr con éxito un obxectivo concreto co mínimo de recursos e esforzos innecesarios posíbeis e no menor tempo posíbel (non hai que trabucalo coa eficacia, un termo “irmán” que se refire máis ben a acadar o obxectivo desexado ou agardado, sen máis). De axudarnos a ser eficientes nos nosos proxectos tecnolóxico-dixitais trata precisamente unha das novas actividades de Vitae Consultores, o Curso Certificación Kanban e Lean TI en Proxectos con Metodoloxías Áxiles, que se celebra os días 6, 7, 13 e 14 de xullo na Coruña, no Hotel Attica 21. A actividade formativa, de dezaseis horas, inclúe opción a certificación Scrum Manager.
Segundo informa Vitae, Lean IT consiste na aplicación da filosofía Lean na contorna TIC cunha idea clara de maximizar o valor para os clientes e reducir todas aquelas actividades que non achegan valor e constitúen un estrago de recursos na organización. A consultora tamén explica que este novo enfoque está baseado nunha serie de principios cuxo obxectivo é a redución de custes, sen perder valor, aumentando a calidade dos servizos a través duns procesos de negocio eficientes, flexíbeis e áxiles que teñan capacidade para xerar valor ao cliente. “Lean está concibido como un mecanismo de mellora continua e compromiso coa organización”, explican os responsábeis do curso, engadindo que o curso “proporciona as nocións básicas para coñecer os fundamentos Lean e como aplicalos na nosa contorna de traballo cotián”.
Amais, o obradoiro inclúe formación na metodoloxía Kanban, inspirada en prácticas de visualización do fluxo de traballo, identificación rápida e resolución de atoamentos (atascos ou “pescozos de botella”), xestión e mellora continua. Ao abeiro do curso realizaranse prácticas de configuración de taboleiros Kanban axeitados a diferentes escenarios na organización, así como técnicas de axuste do fluxo de traballo.
Este curso de certificación Scrum Manager proporciona 70 PDA que acreditan o coñecemento para levar a cabo un desempeño profesional en proxectos que traballen con Kanban e Lean.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, Sivsa, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE