Vitae celebra en outubro a 14ª edición do seu curso de programación limpa con Clean Code Avanzado

martes, 24 de setembro do 2024 S. P.

O programa formativo da consultora Vitae vén este outono con forza: cunha manchea de cursos novos e outros xa coñecidos e que levan anos sendo obxecto dunha importante demanda por parte dos profesionais das empresas innovadoras e tecnolóxicas. Entre estes últimos atópase o curso Clean Code Avanzado: crear e refacer aplicacións limpas que chega á súa decimocuarta edición este mes de outubro. A actividade formativa, de 12 horas de formación, celebrarase os días 21, 23, 28 e 30 de outubro.
O gran obxectivo é axudarnos a programar e facelo cos códigos e os patróns o máis clarificados posíbel. “Programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non ambigua e escribir programas para ser lidos, entendidos e mellorados é unha difícil arte e unha obrigación ineludíbel, pero tamén constitúe unha ciencia que se pode aprender e practicar”, explican dende a consultora galega Vitae Consultores, engadindo que “as técnicas de código limpo axudan a escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que poden evolucionar”.
Tendo en conta isto, a finalidade concreta do curso é axudarnos desenvolver aplicacións doadas de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar a súa detección, distinguir as boas e malas prácticas de programación e adoptar a disciplina profesional dun artesán do software.
O curso está dirixido a profesionais da programación en calquera linguaxe. Ten unha duración de 12 horas repartidas en 4 sesións de 3 horas, en formato virtual. Gravaranse as sesións para poder consultalas de forma ilimitada unha vez finalizado o curso.
A persoa encargada de impartir os contidos será Rolando Caldas, que ten máis de 20 anos de experiencia en postos de desenvolvemento de software. Ao mesmo tempo, formou a máis de 100 persoas en Código Limpo, Código Semántico, Arquitectura Hexagonal, CQRS, Docker, TypeScript, Git, TDD, PHP8 e Refactor. Ten unha longa experiencia en mentoring e no fomento das técnicas que axudan aos profesionais a acadar a excelencia no seu labor. Ademais, colaborou impartindo clases en diferentes mestrasdos da Universidade de Vigo ou no Mestrado de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade da Coruña onda a Fundación Santiago Rey Fernández – Latorre. Membro fundador de Pulpo Con, que achega o movemento crafter e o clean code á comunidade de desenvolvedores de Galicia e a súa área de influencia.