Vitae contribuíu a descubrir as vertentes máis útiles da IA no desenvolvemento de software
luns, 17 de marzo do 2025
O pasado xoves 13 de marzo, a consultora tecnolóxica Vitae Consultores, referente galego e estatal en formación e servizos para profesionais e empresas do sector tecnolóxico, organizou unha xornada gratuíta sobre as utilidades da Intelixencia Artificial nos equipos profesionais de desenvolvemento de software, achegando claves para entendelas e para aprendernos a diferenciar entre as vertentes máis prácticas e rendíbeis da IA e aquelas que só poden quedar nunha promesa.
Estamos a falar do evento Utilidade da IAX no desenvolvemento de software, realidade ou ficción? Os asistentes coincidiron en salientar as importantes vantaxes deste tipo de ferramentas na programación, pero tamén recoñeceron que está por verse se as promesas sobre o seu enorme son esaxeradas ou non. Con todo, sinalaron, “está claro que son tecnoloxías que viñeron para quedar”.
Vitae agradeceu a participación de Carlos Escudero Gasgón, da Universidade da Coruña, de Juan Martínez Neira, da empresa tecnolóxica compostelá Plexus, e de Carlos González Jardón, da entidade financeira Abanca, “polos seus relatorios que axudaron a xerar ideas e a dar resposta a algunhas das preguntas que figuran no título do evento”, explicaron dende a consultora galega, que tamén agradeceu a colaboración prestada pola Cidade das TIC (a antiga Fábrica de Armas da Coruña, hoxe convertida en centro de coñecemento tecnolóxico referencial).
Vitae tamén tivo palabras de gratitude para as máis de 60 persoas que asistiron ao evento, “polo seu interese e por ter investido o seu tempo en asistir e participar”.
Algunhas conclusións
“A IA no desenvolvemento de software é unha realidade pero as expectativas aínda son promesas que o futuro dirá se son esaxeradas ou non”.
“O impacto nas organizacións da IA nos departamentos de desenvolvemento é escaso, dun 3%, pero destaca o seu uso na axuda en resolución de problemas de codificación, a súa alta utilidade en testing e en xerar documentación”.
“Para a súa implantación nas empresas aínda é preciso adaptar as organizacións á IA e sobre todo as ferramentas de Intelixencia Artificial aínda non están deseñadas nas súas ofertas para que sexan rendíbeis, xa que abonar 20 € por cada plataforma de IA por programadores, son custos complexos de asumir polas empresas a día de hoxe para obter rendibilidade do investimento”.
“Entre os profesionais que máis uso fan da IA atópanse os programadores júnior, e entre os máis detractores os programadores sénior, dándose o paradoxo de que a IA ofrece máis utilidade aos sénior que aos júnior”.