Vitae e Abanca achegan formación en Angular con opción de contrato laboral

mércores, 16 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores vai ofrecer aos profesionais galegos unha actividade formativa encamiñada a permitirlles tirar o máximo proveito do programa Angular, unha ferramenta de grandes posibilidades para o ámbito do desenvolvemento de aplicacións web profesionais, modernas e flexíbeis. A actividade, que se vai desenvolver ao abeiro da iniciativa IT Force de Abanca, será impartida por Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas.
A actividade é de balde e consistirá nun curso intensivo dun mes, de 80 horas, en horario de tarde. Ao completar a formación os participantes poderán optar a un contrato laboral para consolidar os coñecementos e traballar nas áreas de Tecnoloxías da Información (IT) de Abanca ou nas empresas tecnolóxicas subscritas ao programa.
Angular é un dos frameworks máis populares para desenvolver aplicacións web profesionais, modernas e con marxe para evolucionar e adaptarse a distintas contornas (escalabilidade). Caracterízase pola súa velocidade, produtividade e alto rendemento.
O curso vai dirixido a un perfil con formación en IT, en programación (sexa ou non oficial). Con este programa, os estudantes aprenderán técnicas e ferramentas avanzadas para crear solucións web complexas, ademais de habilidades para desenvolver aplicacións web en Angular de calidade empresarial.
Todas as persoas formadas que superen a validación do curso poderán optar a un contrato laboral de polo menos 3 meses para traballar nas áreas IT dixital de Abanca ou nas empresas tecnolóxicas subscritas ao programa IT Force: Softtek, Plexus, Altia e ATSistemas.
O curso celebrarase no mes de novembro, en horario de 16.00 a 21.00 horas, na sede do Campus IESIDE na Coruña (o 31 da ronda de Nelle). Achegaranse 20 prazas.

PUBLICIDADE