Vitae e Javier Garzás achegan a cuarta edición do Curso Product Owner Axilidade Avanzada

martes, 3 de maio do 2022 S. P.

Vitae Consultores non baixa o listón de actividade esta primavera: actividade dirixida a múltiples frontes pero todas elas compartindo o nexo común de completar e actualizar o noso coñecemento e a nosa formación avanzada. Sen ir máis lonxe esta primavera volve o Curso Product Owner Axilidade Avanzada, cuarta edición. Será novamente impartido por un dos grandes expertos actuais do panorama tecnolóxico galego e estatal: Javier Garzás.
O obradoiro, de oito horas de formación e con opción para obter o certificado Scrum Manager (proporcionando 70 PDA), celebrarase os días 30 e 31 de maio e o máis o 1 de xuño, a través da aula virtual de Vitae Consultores, que explica (para poñernos en situación) que a figura do Product Owner é un concepto que designa o profesional que nas contornas áxiles representa o último responsábel do éxito do desenvolvemento dun produto e quen se ocupa de que un equipo de traballo aporte o máximo o meirande valor ao negocio.
Os obxectivos desta actividade formativa pasan por afondar nas técnicas e ferramentas específicas desta figura profesional, moi ligada aos novos xeitos de traballo eficientes, eficaces, rendíbeis, sustentábeis e intelixentes. Amais, farase un repaso polas leccións aprendidas, as experiencias e as recomendacións de ter participado en ducias de implantacións deste tipo de metodoloxía.
O curso, segundo informa Vitae, corresponde a unha ampliación doutra actividade formativa achegada pola consultora galega: Xestión Áxil de Proxectos con Scrum. Está dirixido principalmente a directivos, xefes de proxecto, product owners, expertos en Scrum, responsábeis de calidade, responsábeis de mellora de procesos software, consultores, avaliadores, auditores informáticos, persoal de xerencia media e técnica da área das tecnoloxías da información e profesionais en xeral do sector TIC.
A persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados. Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus procesos de xestión e traballo. É profesor titular na Universidade Rei Juan Carlos. Adícase a axudar a empresas que fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e con felicidade). É autor do blog javiergarzas.com, que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.

PUBLICIDADE