Vitae e o CPEIG achegan en novembro un evento gratuíto sobre como formar os mellores equipos profesionais TI
xoves, 2 de novembro do 2023
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
e Vitae Consultores organizan este mes de novembro un evento
formativo de balde: un
curso intensivo sobre Avaliación, Sección, Captación e Retención
de Perfís TI. Trátase, en palabras das entidades organizadoras,
“dunha oportunidade para acadarmos unha visión clara dos Recursos
Humanos e da psicoloxía do traballo”. A cita será o vindeiro
xoves 23 de novembro, en horario de 18.00 a 20.00 horas. Será no
Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela.
Quen
precise máis información sobre o evento ou formalizar as
inscricións pode facelo a través da conta informacion@cpeig.gal. Os
contidos serán impartidos por Marcos Carbonell, socio director da
consultora tecnolóxica galega Vitae.
Segundo
informan as entidades organizadoras poñéndonos en situación sobre
a temática do curso, “nin o modelo económico capitalista, nin o
comunista, nin o socialista e nin o liberal conseguiron o que
conseguiron os e as profesionais informáticos: teletraballo,
flexibilidade horaria, semanas laborais de 4 días, autonomía,
autorganización, altos salarios, capacidade de elección de empresas
e proxectos adaptados aos diferentes perfís e intereses, formación,
beneficios sociais, etc...”. Sobre esta base temática, o evento
exporá as claves para seguir garantindo e mellorando estes logros,
un proceso que pasa de xeito inevitable por acadar os máis óptimos
equipos. Estas claves axudarannos a seleccionar e captar aos máis
indicados profesionais para a nosa empresa, e amosarán como retelos,
motivalos e avalialos dende dous puntos de vista: o científico (que
nos proporciona a psicoloxía do traballo) e o punto de vista dos
Recursos Humanos (RRHH), é dicir, do día a día, “pois con só
cun punto de vista non se poderán conseguir resultados fiables nin
perdurables no tempo”, informan Vitae e o CPEIG.
A
actividade formativa virá da man de Marcos Carbonell, profesional
con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as
novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en
Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en
Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae
Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de
máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de
éxito.