Vitae fórmanos nas posibilidades do noso cerebro para o ámbito profesional
mércores, 11 de abril do 2018
Partindo
da base de que nós os profesionais e o coñecemento que xeramos
somos o principal activo dunha empresa, case é de obriga que haxa
metodoloxías e técnicas para adestrar as nosas capacidades. Delas
depende, de feito, o éxito dunha iniciativa innovadora no seo dunha
firma. Nisto ten moito que dicir o noso cerebro, que é un dos eidos
de investigación máis importantes deste século e de boa parte do
anterior. O seu funcionamento aplicado á ciencia ten capacidade para
curar doenzas, mellorar os procesos educativos e, por suposto,
optimizar empresas. Vitae Consultores quere botarnos luz sobre todo
isto e por iso vai organizar o 11 e o 12 de maio, no Hotel Attica 21
da Coruña, o
curso Neurociencia: Bases Neurocientíficas da Motivación e a
Emoción aplicada á empresa.
O
obradoiro, de oito horas, está deseñado para “que entendamos en
que consiste a motivación e a moción, como funcionan e como se
manifestan no noso día a día. O enfoque da actividade formativa,
engade Vitae, pretende que aprendamos de maneira sintética e
rigorosa como traballa o noso cerebro ante os estímulos, o que nos
permitirá elaborar un pensamento crítico e unha opinión propia
sobre estes temas dende unha perspectiva biolóxica.
Segundo
lembra a consultora, o alicerce do curso está nas moitas
posibilidades que ofrecen a motivación e emoción para unha/un
profesional dun ámbito innovador e creativo. Estas posibilidades
tenden sempre cara ao positivo e o rendíbel e buscan, en
circunstancias saudábeis e confortábeis, o benestar persoal e a
autorrealización, con todo o de frutífero que teñen estes estados
de ánimo para as empresas. Nos últimos anos, a neurociencia e
psicoloxía desenvolveron teorías que procuran comprender as claves
dun dos grandes misterios da ciencia: como funciona o noso cerebro.
“Estes avances”, explica Vitae, “permitiron elaborar modelos
que achegan un valor moi significativo e innovador ás diferentes
áreas que compoñen o noso sistema de organización socioeconómico”.
En
base ao devandito, neste novo curso da consultora galega
mostrarásenos un marco actualizado das ditas cuestións, axudándonos
a comprender como funciona o noso entendemento ante situacións como
a emoción ou o estres, ou como se axusta a nosa motivación ao
contexto cotián (e elaborar logo estratexias para decidirmos os
pasos a seguir ou entender os nosos propósitos actuais).
A
persoa encargada de impartir o obradoiro é Iván Ballesteros,
biólogo e doutor en Farmacoloxía e Terapéutica Humana pola
Universidade Complutense de Madrid. Ballesteros é investigador no
Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC, Madrid),
profesor de Neurociencia no Curso Experto Universitario en
Intelixencia Emocional da Universidade da Rioxa, e no Máster en
Adestramento de Imaxe (Domingo Delgado, Madrid). É co-autor do libro
Hazte experto en Inteligencia Emocional.