Vitae formará a importantes empresas de Galicia en programación web avanzada

xoves, 16 de febreiro do 2017 Redacción

Nos vindeiros meses a consultora Vitae, especializada en fornecer formación tecnolóxica avanzada, dará comezo a unha nova andaina no seu labor de posta a punto e actualización dos nosos coñecementos sobre tendencias, recursos e ferramentas dixitais. Será, en palabras da consultora galega, unha etapa importante no labor formativo de seu, xa que porá de manifesto a confianza que teñen as nosas empresas e organizacións galegas na eficacia e potencialidade dos seus obradoiros. Nesta nova andaina de Vitae, de feito, participarán importantes compañías e entidades da nosa terra, poñendo en mans da consultora a formación dos seus profesionais en programación web avanzada.
Neste ámbito, Vitae amosará os segredos de ferramentas como como Angular2, que ten vocación de saír do navegador e conquistar os servidores, escritorios e teléfonos móbiles; React, desenvolvida e mantida por Facebook e mergullada un proceso de rápido crecemento; ou Ionic2, que segundo sinala Vitae “é con moita diferenza o SDK (nas súas siglas en inglés, kit de desenvolvemento de software) de xeración de aplicacións móbiles multiplataforma máis utilizado no mercado”.
Ademais, a consultora galega afondará en técnicas de investigación e captura de requirimentos xunto con responsábeis de departamento e xefes de proxecto para mellorar a efectividade á hora de tratar con clientes e/ou usuarios.
Na liña do mencionado, Vitae fai saber que unha Universidade galega vén de solicitarlle formación e asesoramento no ámbito da xestión de servizos TI, unha disciplina que ten como obxectivo sentar os alicerces para a atención axeitada das necesidades dos usuarios dos servizos dixitais. E faino establecendo canles e regras básicas para a atención, a partir de definicións compartidas entre usuarios e técnicos dos conceptos de servizo, incidencia, petición, autorización, etc. “Todo isto”, explica Vitae, “utilizando como referencia un modelo de boas prácticas na xestión das TI”.
Todo o devandito confirma que Vitae continúa coa súa misión de mellorar a formación e capacitación dos nosos profesionais e empresas no sector das novas tecnoloxías centrándose na mesma medida nos aspectos humanos e organizativos que nos aspectos tecnolóxicos.

PUBLICIDADE