Vitae formaranos nos procedementos máis axeitados para crear os mellores programas

martes, 16 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

A calidade, nun mundo tan competitivo coma o noso, é se cadra o factor máis decisivo á hora de facer que un proxecto tecnolóxico caia do lado do éxito e non do fracaso. Estamos a falar, ademais, dun factor que debe aplicarse e garantirse dende a orixe mesma dos traballos a desenvolver, dende o intre mesmo en que os profesionais do desenvolvemento se poñen diante do computador dando forma aos primeiros bosquexos da súa idea. A pregunta que nos podemos facer é: hai metodoloxías que nos axuden a asegurar os mellores resultados? Segundo nos contan dende a consultora galega Vitae, a resposta é afirmativa. Para botar luz sobre algunha das metodoloxías de meirande eficacia a consultora vén de convocar a quinta edición do seu Curso de Fundamentos en Testing, xa dispoñíbel na web.
A cita desenvolverase ao longo de 16 horas no Hotel Attica 21 da Coruña, os días 19 e 20 de febreiro. O obxectivo é formar aos asistentes en ferramentas de utilidade para garantir que os seus traballos de desenvolvemento de software acaden, precisamente, os máis optimizados acabados. Dito doutro xeito: amosarase como traballar para acadar o mellor traballo. O curso, por certo, achega a opción de Certificación en Fundamentos de Testing polo programa de certificación ISTQB (International Software Testing Qualifications Board), que é o estándar mundial para avaliadores de programas informáticos.
Segundo engade Vitae nun plano máis detallado, os obxectivos desta actividade pasan por proporcionar os procedementos e métodos de meirande relevancia actual para capacitar aos asistentes na xestión, na planificación, no deseño e na execución de probas de software coa meirande eficacia. Deste xeito, engade a consultora, quen asista ao curso gozará da oportunidade de entender os conceptos clave das probas de software, de asegurar un alicerce sólido para o medre profesional na súa área e de comprender as técnicas básicas de validación de programas.
O curso está dirixido a profesionais da actividade de probas, como testers, analistas e enxeñeiros de probas, así como responsábeis de calidade de software. Tamén se encamiña a profesionais que desexen acadar unha visión avanzada e integral dos procesos de avaliación, como xefes de proxectos, analistas de negocio, xerentes, consultores TI e programadores.
A persoa encargada de impartir todos estes contidos será Aurelio Gandarillas Cordero, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías da información e máis dunha ducia de anos como consultor e formador nos eidos do deseño, a implantación e a mellora dos procesos de desenvolvemento e calidade do software.

PUBLICIDADE