Vitae introdúcenos en outubro na selección de perfís TI baseada na neurociencia

xoves, 21 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores está a achegar un outono cargado de formación avanzada para axudarnos a subir novos chanzos na escaleira da excelencia profesional no ámbito tecnolóxico. Nesta liña insírese a oitava edición do Curso Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseadas na Neurociencia (PDF), que Vitae organiza os vindeiros días (23, 24, 30 e 31 de outubro, en horario de 16.00 a 21.00 horas) no Hotel Attica 21 Coruña. A actividade, que terá unha duración de 20 horas, está encamiñada sobre todo a directores de proxectos e profesionais de recursos humanos. Proporcionaralles 18 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional, polas súas siglas en inglés Professional Development Unit) a validar polo PMI (Project Management Institute). O curso busca loitar contra un dos grandes problemas das metodoloxías máis comúns de análise profesional, que fallan á hora de equipar aos axentes e avaliación coas ferramentas psicolóxicas básicas para estimar que tipo de talentos ten un profesional a valorar.
“Isto”, sinala a consultora galega, “implica que toda metodoloxía falle, pois fallou previamente o alicerce da mesma, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para esta tarefa”. En base a este punto, explica Vitae, o primeiro paso para calibrar a outro profesional será aprender a calibrarnos a nós mesmos. “Coñecéndonos deste xeito acadaremos meirande obxectividade na avaliación doutras persoas”, sinalan dende a consultora, engadindo que neste curso subministraranse as ferramentas e recursos máis indicados para lograr o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais, sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño do que se bote finalmente man.
Para Vitae, é unha realidade incontestábel que o sector das novas tecnoloxías da información (o sector TI) demanda cada vez máis profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral, o que xera tensións nas empresas en canto a dar cumprido cos compromisos profesionais en calidade e prazo cos clientes de seu e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos.
O curso que presenta Vitae céntrase “na eficacia, en que facer, máis que na eficiencia, en como facer, para seleccionar candidatas/os e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza de traballadores, aínda que ambas as facetas, a eficacia e a eficiencia, son necesarias para o éxito nos procesos de selección e avaliación”.
En definitiva, neste curso proporcionarase un método e unhas ferramentas coas “que se conseguiu unha porcentaxe de éxito de máis do 90% en selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”, informan os organizadores do obradoiro.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE