Vitae introdúcenos na teoría das intelixencias múltiples dende unha óptica empresarial

xoves, 15 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

O psicólogo e investigador Howard Gardner impulsou a teoría das intelixencias múltiples

Vitae Consultores quere achegar formación avanzada para impulsar o rendemento, a actividade e a competitividade dunha empresa tecnolóxica a través do recoñecemento das capacidades diversas dos profesionais. O curso Neurociencia: As intelixencias múltiples e a súa aplicación a empresa (PDF), diríxese precisamente a ampliar o noso coñecemento sobre os diferentes tipos de talentos que atesouramos, todos eles de gran utilidade no ámbito corporativo, incluídos (por suposto) os ámbitos TIC onde se desenvolven complexos proxectos baseados na análise do coñecemento, na programación, na aprendizaxe das máquinas ou no cómputo a gran escala. O obradoiro, que inclúe 8 horas de formación, vaise levar a cabo na Coruña, o 23 de xuño, no Hotel Attica 21. O seu alicerce temático é a teoría das intelixencias múltiples de Howard Gardner.
Con esta teoría, Gardner quixo achegar un contrapeso ás correntes maioritarias que defendían a existencia dunha intelixencia única, e que esta intelixencia era o recurso principal que podía resultar de interese para unha empresa. Pola contra, os traballos de Gardner defenderon a existencia de diferentes talentos: oito tipos distintos de intelixencias. Segundo fixo saber, non existe un único talento no ser humano, senón unha diversidade de destrezas de compresión e comportamento que marcan as potencialidades de cada individuo, artellados polas fortalezas e tamén polas súas feblezas, e todo isto nunha "serie de escenarios de espallamento da intelixencia".
Os obxectivos do curso serán os seguintes: identificar as claves do enfoque das intelixencias múltiples (IM), recoñecer o valor do coñecemento das capacidades relacionadas ás distintas intelixencias para determinar perfís profesionais, avaliar algúns tipos de desenvolvementos profesionais en relación coas ditas facultades mentais, valorar a utilidade dos indicadores de desenvolvemento IM para o coñecemento e a análise en currículos e entrevistas.
O obradoiro está dirixido a profesionais de recursos humanos, directivos, xerentes e directores de proxectos que desexen afondar nas intelixencias múltiples.
O curso ten unha duración de oito horas, a impartir nunha xornada cun enfoque eminentemente práctico. As sesións levaranse a cabo o venres 23 na Coruña, en horario de 9.30 a 13.30 horas e de 15.00 a 19.00 horas.
A persoa encargada de impartir os contidos será Amparo Escamilla González, doutora en Ciencias da Educación pola Universidade Complutense de Madrid. Amparo é directora do equipo Proxectos Pedagóxicos e co-directora dos másteres de intelixencias múltiples (Infantil, Primaria e Secundaria) na Universidade de Alcalá (UAH). Entre os seus fitos profesionais áchase o desenvolvemento dunha estratexia (5GTIM) integrada por un conxunto de técnicas de pensamento que, fusionadas con contidos, estimulan as nosas diversas capacidades cognitivas e mentais. Esta estratexia estase a integrar en máis de 450 centros de Infantil e cunha selección de técnicas puntuais, en Primaria e Secundaria. Amparo interveu en máis de medio milleiro de accións formativas relacionadas coas devanditas temáticas.

PUBLICIDADE