Vitae introdúcenos nas vantaxes de apoderamento profesional do job crafting

martes, 7 de outubro do 2025 S. P.

Vitae Consultores vainos mergullar en novembro na técnica do job crafting ou construción de traballo: unha ferramenta que permite aos profesionais personalizar e redeseñar os seus postos laborais de maneira que se axusten mellor aos seus intereses e necesidades persoais. O curso Job Crafting: Redeseñar o posto de Traballo para aumentar a motivación, o compromiso e o desempeño dos Profesionais desenvolverase os días 11, 12 e 17 de novembro a través da aula virtual de Vitae e terá 9 horas de duración.
Segundo informa a consultora tecnolóxica galega, grazas ao job crafting teremos a oportunidade de converter o traballo que temos no traballo que queremos, e para iso “resulta fundamental, en primeiro lugar, considerar as motivacións das persoas para mellorar as súas experiencias e compromiso coa organización e, en segundo lugar, estas motivacións teñen que aliñarse cos recursos e as demandas da organizacións”.
Mediante este novo enfoque do traballo a través do cambio proactivo dos postos de traballo por parte dos traballadores, o desempeño laboral de cada quen dótase de maior significado, “o que produce múltiples beneficios tanto para os traballadores como para as organizacións”, sinala Vitae, salientando vantaxes como unha maior motivación, unha mellora no benestar emocional, un aumento do compromiso e da satisfacción laboral e unha mellora do desempeño e a innovación.
“Nunha contorna laboral en constante cambio, o job crafting apodera ás persoas para tomar un rol activo na configuración da súa día a día laboral, facendo do seu traballo unha fonte de maior crecemento e satisfacción”, sinalan dende a consultora galega Vitae.
Obxectivos
-Comprender o concepto de job crafting.
-Coñecer os beneficios que supón a implantación do job crafting para as organizacións.
-Coñecer as estratexias para implantar e propiciar o job crafting de maneira eficaz nas organizacións.
-Analizar as propias fortalezas, recursos e intereses persoais e profesionais.
-Aprender como aplicar o autocoñecemento das propias fortalezas e recursos ao redeseño do posto de traballo.
O curso está dirixido a profesionais que desexen coñecer e aplicar novas técnicas e ferramentas para mellora a calidade da súa experiencia profesional, tamén a profesionais de HR que desexen coñecer novas ferramentas para o deseño de postos de traballo nas súas organizacións, e sobre todo tamén a xefes de proxecto ou mandos que teñan baixo o seu cargo a profesionais, para que aprendan novas ferramentas de motivación, satisfacción e de mellora do rendemento dos seus colaboradores.
A persoa encargada de impartir os contidos será Silvia Moscoso, doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrática de Psicoloxía do Traballo na Universidade de Santiago de Compostela. O seu ámbito de investigación é a Psicoloxía do Traballo e as Organizacións. Foi decana da Facultade de Relacións laborais desde o ano 2012 ata o 2023. Ten catro sexenios de investigación e un de transferencia do coñecemento. Publicou máis de cincuenta artigos en revistas de prestixio como o Journal of Personality and Social Psychology, Journal of Applied Psychology, Personnel Psychology, International Journal vos Selection and Assessment, European Journal of Work and Organizational Psychology ou o European Journal of Personality. Coautora de libros e capítulos de libros publicados en editoriais como Prentice-Hall, Edition dea Organization París, Routlege, Springer, Wiley-Blackwell, Psychology Press, Pirámide, Sainz e Torres.
Actualmente é editora asociada do Journal of Work and Organizational Psychology e membro do Editorial Board do Journal of Occupational and Organizational Psychology e do International Journal of Selection and Assessment. Membro da American Psychological Association, a Society of Industrial and Organizational Psychology e da European Associaton of Work and Organizational Psychology. É revisora ad hoc de revistas como a European Journal of Work and Organizational Psychology, Personality and Individual Differences e da Spanish Journal of Psychology.