Vitae introdúcenos nos importantes cambios da versión 6 de PMBOK

martes, 22 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores vai organizar na Coruña un obradoiro moi indicado para as/os nosas/os profesionais que se adican á dirección de proxectos tecnolóxicos e avanzados. En concreto, o obradoiro serviralles de axuda e complemento perfecto para optimizar xestión, desenvolvemento e, por suposto, resultados. Estamos a falar do curso en aberto Xestión de Proxectos con PMI: Novidades no PMBOK 6, que se desenvolve os días 22 e 23 de xuño na Coruña (Hotel Attica 21) ao longo de 10 horas de formación e adestramento.
A actividade, que proporciona 10 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional) por parte do Project Management Institute (PMI), consistirá en liñas xerais nun repaso pormenorizado pola nova versión (a sexta) da guía do PMBOK (Project Management Body of Knowledge), elaborada polo devandito PMI.
O PMBOK, para quen non o saiba, vén sendo o referente en dirección de proxectos máis relevante a nivel mundial, segundo nos conta Vitae, que pon o foco nas súas posibilidades pero tamén na súa rápida evolución, suxeita a unha manchea de cambios continuos que esixen da nosa parte procesos de actualización. Estes cambios na nova versión da guía do PMBOK, a sexta, convértena na escolma de boas prácticas máis completa e pedagóxica das que temos hoxe en día á nosa disposición dentro do seu eido de actividade, “referendando a súa posición de primeira referencia mundial”, explica Vitae.
Ao fío destas incorporacións, a consultora porá o foco (durante o curso) nas referencias a metodoloxías áxiles, cambios de procesos e actualizacións de procedementos relevantes, entre outras cuestións. Na sesión, engade Vitae, realizarase polo tanto unha revisión do PMBOK en xeral para aqueles que descoñecen o seu contido e poidan comprender as novidades que poñen en xogo as súas versións.
O curso está dirixido principalmente a directores de proxectos ou ben a todos aqueles profesionais que desexen adicarase á xestión de proxectos.
O temario inclúe unha introdución ao PMBOK (revisión de todas as áreas de coñecemento e dos seus correspondentes procesos de xeito que todos os asistentes “teñan unha idea nidia e xeral do seu contido”), unha revisión dos novos procesos (con especial mención aos procedementos que irrompen nesta nova actualización), un repaso polos cambios significativos en áreas, procesos, terminoloxía e ferramentas, e, por último, un capítulo adicado a metodoloxías áxiles no PMBOK (cunha explicación práctica destas metodoloxías, incluíndo unha introdución a Scrum para establecer as relacións co PMBOK).
O encargo de impartir estes contidos será Javier Rosa, enxeñeiro industrial pola Universidade Carlos III Profesional. No seu amplo currículo figuran un programa de desenvolvemento directivo polo IE e un MBA pola AEDE Business School. Actualmente está a cursar a licenciatura de Económicas. Ten ás súas costas 20 anos de experiencia en dirección de operacións e de proxectos, e traballos de consultoría e xestión de servizos en diversos sectores. Leva impartindo formación relativa á xestión de iniciativas tecnolóxicas e operacións máis de 9 anos na Universidade Carlos III de Madrid, así como noutras institucións académicas superiores, escolas de negocios e empresas de diferentes eidos de actividades. Foi coordinador de PMO en Accenture e ten asesorado e formado a empresas e organismos como EADS Casa, Eulen, Repson, ISDEFE, Dragüer, Línea Directa, Técnicas Reunidas, ATOS, Prosegur, Plexus, ESI, AE, COIIM, AEA, GSF, AEDE, Universidade Francisco de Vitoria e a Universidade Rey Juan Carlos, entre outras.

PUBLICIDADE