Vitae leva á Coruña o seu curso sobre autoliderado baseado na neurociencia

mércores, 8 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores vai desenvolver na Coruña, este mes de novembro, unha achega formativa para facer máis rendíbel, eficaz e doado o día a día dos profesionais que coordinan e dirixen equipas de profesionais. Trátase do Curso Auto Liderado Baseado na Neurociencia (PDF), que xa tivo a súa edición en Vigo, os días pasados, e que agora chega á cidade herculina para despregar novamente, ante a vista dos profesionais locais, diferentes técnicas e recursos para (primeiro) coñecérense a si mesmos e (segundo) coñecer os perfís dos demais profesionais e, sobre todo, dos que están baixo a súa responsabilidade. Isto, sinala Vitae, resulta crucial para entender as intencións e as motivacións de cada un dos integrantes dunha equipa profesional, o que está na base da resolución de múltiples conflitos e, dende logo, nunha mellor comunicación.
No curso, de 10 horas, proporcionaranse as ferramentas precisas de autocoñecemento e autoliderado para podermos ter unha perspectiva baseada na ciencia que nos axude a ser mellores líderes e traballar en equipo.
O curso, segundo informan os organizadores, fornecerá aos asistentes de 10 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional, polas súas siglas en inglés Professional Development Unit) a validar polo PMI (Project Management Institute).
Os obxectivos concretos desta actividade formativa son elaborar unha descrición baseada na ciencia do perfil de comportamento profesional, achegar un método eficaz para o autocoñecemento e o autoliderado e subministrar ferramentas para liderar e traballar en equipo xestionando as expectativas e os conflitos.
O obradoiro inclúe dez horas lectivas a distribuír en dúas xornadas de cinco horas. Celebrarase os días 27 e 28 de novembro no Hotel Attica 21 da Coruña, no número 34 da rúa Enrique Mariñas.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE