Vitae lévanos da man á xestión avanzada de servizos na compaña do modelo ITIL

martes, 6 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

O desenvolvemento de novas ferramentas tecnolóxicas discorre cada vez máis cara a modelos 4.0. Ou sexa, cara a modelos de traballo que garantan eficiencia, sustentabilidade, aforro de custes e, por suposto, calidade. Asegurar a confluencia exitosa e harmónica de todos estes parámetros non é, como se pode supoñer, unha tarefa doada. Pero hai xeitos de acadalo, como nos conta a consultora Vitae, que organiza os vindeiros días unha actividade formativa dirixida a abrir horizontes sobre a devandita cuestión: o Curso de Xestión Avanzada de Servizos TI Baseada no modelo ITIL. Este obradoiro de 20 horas desenvolverase os días 13, 14, 20 e 21 de abril na Coruña, no Hotel Attica 21.
Como dixemos, diríxese a equiparnos coas ferramentas, recursos e coñecementos precisos para garantir o fornecemento de valor aos nosos proxectos e servizos. E, tamén, para introducir con éxito o factor eficiencia nos procesos, imprescindíbel para compatibilizar a redución de custes (unha redución á que se ven obrigadas as empresas na situación actual dos mercados) coa calidade nos servizos de Tecnoloxías da Información. Segundo nos explican dende Vitae, “a eficiencia neste eido de traballo e a chega de valor ao negocio conséguese poñendo en práctica metodoloxías baseadas nun modelo de boas prácticas estándares do mercado, como por exemplo ITIL”. A consultora tamén explica que estas boas prácticas garanten ao cen por cen uns servizos de calidade, unha atención aos clientes axeitada ás súas expectativas e un control de servizo que nos permita aplicar unha mellora continua.
En base a isto, o curso proporciona os coñecementos básicos sobre o ciclo de vida dos servizos e sobre como se consegue achegar valor ao negocio dende a óptima xestión daqueles. Os asistentes, de feito, poderán realizar un exercicio práctico ambientado nas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) co que terán ocasión de aprender a identificar os procesos en cada etapa do ciclo de vida e, tamén, coñecer as funcións a pór en marcha na prestación dos servizos. Tamén terán na súa man a oportunidade de coñecer os pasos para a mellora continua das solucións resultantes a través da medición.
O curso está dirixido a directores, xerentes e xefes de proxectos TIC; responsábeis de calquera área ou función de TIC; administradores da infraestrutura TIC, responsábeis da prestación de servizos ou de parte deles; xefes de servizos e responsábeis do Service Desk; e consultores e responsábeis do cadro de mando.
Os contidos serán impartidos por José Luis Benito Igualador, licenciado en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid e con máis de 35 anos de experiencia en relación coas comunicacións e as TIC, área esta última na que desenvolveu o seu traballo tanto en labores de desenvolvemento e integración de sistemas como nas de explotación e nas de organización, planificación, estratexia e calidade.

PUBLICIDADE