Vitae móstranos en febreiro como actualizar e migrar á nova versión 15 de Angular

martes, 10 de xaneiro do 2023 S. P.

A consultora galega Vitae vai comezar o ano cun curso de gran interese para a nosa comunidade de desenvolvedores e desenvolvedoras de ferramentas, aplicacións e recursos informáticos de toda índole, unha actividade formativa con potencial de abondo para mellorar a súa actividade profesional diaria. O curso (convocado en formato de aula virtual) Actualización e migración á nova versión 15 de Angular, é unha proposta formativa de 12 de horas programada para os días 6, 8, 13 e 15 de febreiro. Nesta actividade, sinala Vitae, “presentamos as novidades que Angular acumulou nos últimos anos, poñendo o foco na versión 15, que achega unha maneira alternativa de crear novas aplicacións”.
Durante o curso poderemos crear unha aplicación completa sen módulos, sen dependencias en construtores, con menos ficheiros e preparada para ser compilada e testeada con ferramentas fóra do ecosistema oficial de Angular. Tamén veremos estratexias de migración dende solucións tradicionais e teremos “unha visión sobre cara a onde vai o desenvolvemento web moderno”, explica a consultora galega con sede en Vigo.
Para quen non o saiba, Angular é un framework de JavaScript de tipo código aberto, desenvolvido por Google. Utilízase na creación e programación de aplicacións web dunha soa páxina. Angular framework emprégase para crear e manter aplicacións web dunha soa páxina. De feito, moitas empresas de primeiro nivel e de tipo mundial, como Google, Nike, Upwork, HBO e outras, usan Angular.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE