Vitae móstranos en marzo como integrar as ferramentas de automatización n8n e Make no noso negocio

martes, 3 de febreiro do 2026 S. P.

A consultora tecnolóxica Vitae, referente en formación avanzada para profesionais TI, vai organizar este mes de marzo un novo curso de transformación: o curso Automatización con n8n, Make e IA aplicable ao negocio. Será unha actividade de 9 horas de duración, a desenvolver os días 12, 17 e 18 de marzo de 2026, con formato de aula virtual, clases en directo e acceso ás sesións gravadas para a súa consulta.
Esta proposta formativa ten como obxectivo capacitar aos asistentes no uso práctico de ferramentas de automatización (n8n e Make) e na aplicación de intelixencia artificial en procesos internos de forma responsable, segura e aliñada con RGPD e normativa europea.
“A formación”, informa Vitae, “está deseñada para xerar impacto desde o primeiro contacto e evolucionar cara a unha implantación real no día a día, con especial foco en identificación de oportunidades con impacto directo en produtividade e custos; en creación de automatizacións con potencial de aplicación ao negocio; en integración de IA con criterio (sen depender de hype); e en prevención de riscos asociados a datos, seguridade e cumprimento normativo”.
Obxectivos
-Capacitar aos asistentes para entender, deseñar e implementar automatizacións con n8n e Make.
-Incorporar IA en procesos internos de forma útil, realista e controlada.
-Dotar dun marco de traballo para automatizar con continuidade: calidade do dato, estabilidade e mantemento.
-Asegurar un enfoque de aplicación compatible con RGPD e normativa europea.
Ademais, poñerase o foco en conseguir os seguintes obxectivos secundarios: aumentar autonomía interna para reducir dependencia de provedores; mellorar tempos de resposta, coordinación e rastrexabilidade; e identificación de casos prioritarios de alto impacto e baixa complexidade.
O curso está dirixido a perfís non técnicos ou mixtos (operacións, mercadotecnia, administración, produto ou IT) cun nivel desde iniciación a intermedio.
A persoa encargada de impartir os contidos será Valentín Ayesa, profesional tecnolóxico cunha sólida traxectoria en automatización de procesos, xestión de proxectos e integración de intelixencia artificial, e atesourando máis de 15 anos de experiencia combinando perfil técnico e visión de negocio. Actualmente é CTO en consultoría especializada en IA, desde onde impulsa a transformación dixital de profesionais e empresas de distintos sectores. Tamén é embaixador de n8n en España e axudou a máis de 2.000 alumnos a eliminar tarefas manuais mediante sistemas automatizados sen necesidade de programación avanzada.
A súa experiencia abrangue desde o desenvolvemento de software e ERP a medida, ata a dirección tecnolóxica, liderado de equipos e xestión de proxectos internacionais en contornas corporativas.
Ao longo da súa carreira liderou procesos de dixitalización integral, aplicando solucións baseadas en automatización, ferramentas na nube, aplicacións web e móbiles, e sistemas que melloran a eficiencia operativa e a produtividade. Segundo fai saber Vitae, “destaca polo seu enfoque práctico, orientado a resultados, e pola súa capacidade para traducir a tecnoloxía en impacto real para o negocio, tanto en contornas formativas como en consultoría especializada”.