Vitae móstranos todo o que precisamos saber sobre a aprendizaxe das máquinas e o seu potencial para as empresas

martes, 22 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Din os especialistas en tecnoloxías que os sistemas intelixentes están chamados a achegar, máis que ferramentas e recursos, vida e calidade de vida. Este paradoxo non é tal cando pensamos en toda a gran cantidade de esforzos dos que nos poden liberar a Intelixencia Artificial e a Aprendizaxe-Máquina. Sen falar do peso que tiramos de enriba cando sabemos que os nosos datos están en boas mans, que poden ser avaliados por enteiro en cuestión de segundos e que, detrás de todo iso, hai unhas tecnoloxías que son quen de tomar as mellores decisións. Porén, o soño do afianzamento real da Intelixencia Artificial pasa por capacitar máis profesionais neste ámbito. Cara a isto, poñendo o foco no potencial para as empresas, diríxese o Curso de Solucións con Machine Learning, organizado por Vitae Consultores.
O curso, que chega á súa cuarta edición, celébrase os días 15, 16, 22 e 23 de novembro na Coruña, no Hotel Attica 21. Serán, novamente, 20 horas de adestramento para mostrarnos as principais aplicacións do ML e amosarnos como integralas no noso negocio.
Para quen non o saiba a estas alturas, o Machine Learning é o ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai realidade a aprendizaxe de pautas para mellorar cousas como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións para a intelixencia do negocio. Ademais, alén do seu papel científico, ten moitas potencialidades para os sectores da banca, da medicina, do motor, das vendas ou das telecomunicacións, entre outros moitos.
Segundo explican dende Vitae, a finalidade deste curso é introducir ao alumnado no mundo do ML para que saiba diferenciar que problemas de negocio son susceptíbeis de seren resoltos mediante algoritmos de aprendizaxe máquina, e como asociar cada tipo de problema co algoritmo axeitado, e, tamén, como preparar os datos para obter os mellores resultados deses algoritmos. “Todo isto dende un punto de vista práctico, sinxelo e botando man de exemplos reais”.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE