Vitae ofrece en febreiro a 4ª edición do seu curso sobre programación de aplicacións profesionais con IA
martes, 20 de xaneiro do 2026
Este mes de febreiro a consultora Vitae, referente galego e estatal en formación avanzada e tecnolóxica para profesionais dos sectores máis innovadores, vai ofrecer a cuarta edición do seu curso Programación de Aplicacións Profesionais con IA, de 9 horas de duración. Desenvolverase os días 18, 24 e 26 de febreiro.
Contexto
A irrupción da intelixencia artificial transformou profundamente a forma en que se desenvolvesoftware. Hoxe en día, programar xa non consiste unicamente en escribir código, senón en dirixir, supervisar e validar procesos nos que a IA participa activamente. “Este cambio de paradigma”, explica Vitae, “esixe novas habilidades, novos criterios e unha comprensión clara de como integrar a IA de forma produtiva e responsable no ciclo completo de desenvolvemento”.
Enfoque práctico
Este curso propón un enfoque práctico e realista da programación asistida por IA. Ao longo de 9 horas, o alumnado desenvolverá un proxecto sinxelo de principio a fin, utilizando ferramentas de IA non como un substituto do desenvolvedor, senón como un acelerador da análise, o deseño, a posta en marcha, o testing e documentación.
Ademais, adestrarase ao desenvolvedor no seu novo rol como responsable do proceso: formulando prompts efectivos, avaliando a calidade do código xerado, detectando erros ou riscos e tomando decisións técnicas informadas, evitando a dependencia cega das ferramentas de IA.
Traballarase con modelos de IA amplamente utilizados na industria (como ChatGPT, Gemini e Claude), así como con IDEs e asistentes modernos (Cursor, Windsurf, Antigravity, GitHub Copilot), integrándoos nun fluxo de traballo profesional baseado en control de versións, planificación e boas prácticas.
Ao finalizar o curso, os asistentes serán capaces de adquirir unha metodoloxía práctica e transferible para programar con intelixencia artificial; desenvolver a capacidade de dirixir, supervisar e validar o traballo xerado pola IA; e mellorar a produtividade e calidade do desenvolvemento mediante ferramentas de IA usadas profesionalmente.
Este curso terá unha duración de 9 horas. Gravaranse as sesións para poder consultalas de forma ilimitada unha vez finalizado o curso.
A persoa encargada de impartir os contidos será Jorge González, enxeñeiro Técnico Industrial na especialidade de Electrónica, con 25 anos de experiencia como analista programador e máis de 20 anos como formador de tecnoloxías web e de mobilidade. As tecnoloxías que domina Jorge son HTML5, PHP, JavaScript, React, NextJS, Angular, IONIC, Drupal, Symfony, Wordpress, Freeswitch, etc...
Na súa faceta de formador estivo sempre ligada á súa experiencia profesional. Entre as empresas e organismos que asesorou ou formou atópanse Google, LinkedIn, FC Barcelona, La Caixa, Nike, Cola Cao, Pronovias, Volkswagen, Capgemini, Grupo Antolín, Gas Natural, Indra, Deloitte, La Voz de Galicia, Plexus, Disashop, Softtek, Teimas, Marine Instruments, Clúster TIC Galicia, etc.
