Vitae ofrécenos entre abril e maio un curso para desenvolver aplicacións libres de barreiras
martes, 17 de marzo do 2026
Vitae Consultores, referente galego e estatal en formación avanzada para profesionais das TI, vai achegar esta primavera un novo curso dirixido a facilitar o día a día dos desenvolvedores e, sobre todo, a axudarlles na consecución de produtos e ferramentas libres de barreiras, universais, útiles e universais. O curso Accesibilidade en aplicacións terá 12 horas de duración e desenvolverase os días 27, 29 de abril e 4 e 6 de maio de 2026.
Contexto
A consultora tecnolóxica Vitae explica que a accesibilidade web é un aspecto clave no desenvolvemento de aplicacións profesionais, non só polo seu impacto na inclusión dixital, senón tamén pola súa influencia directa na calidade, mantemento e robustez do software, ademais, é un aspecto legalmente obrigatorio tanto en proxectos coa administración pública como nalgúns do sector privado.
E engade Vitae poñendo o foco nas razóns para abordar esta actividade formativa: “Para os desenvolvedores web con experiencia, a accesibilidade non debe entenderse como unha capa adicional, senón como un criterio transversal que afecta á arquitectura, o marcado, a interacción e o comportamento das aplicacións”.
Este curso de Accesibilidade para Aplicacións Web está orientado a profesionais do desenvolvemento que desexan integrar a accesibilidade de forma efectiva no seu fluxo de traballo cotián. A partir dos fundamentos e os estándares actuais (WCAG e WAI-ARIA), o curso profunda na aplicación práctica da accesibilidade en HTML e en aplicacións desenvolvidas con Angular, abordando os retos específicos das contornas dinámicas e baseadas en compoñentes.
Ao longo do curso, as persoas participantes traballarán con patróns reais de interface, xestión de foco, navegación por teclado, formularios complexos e compoñentes interactivos, aprendendo a implementar solucións con accesibilidade garantida sen comprometer a experiencia de usuario nin a produtividade do desenvolvemento. O uso de ferramentas de testing e tecnoloxías asistidas permitirá validar as solucións desde unha perspectiva técnica e profesional, asegurando aplicacións máis inclusivas e aliñadas cos estándares do sector.
Obxectivos
Ao finalizar o curso, os asistentes serán capaces de:
-Aplicar os estándares de accesibilidade (WCAG e WAI-ARIA) en proxectos reais, integrándoos de forma práctica no seu fluxo de desenvolvemento habitual.
-Deseñar e desenvolver interfaces web accesibles e robustas, utilizando correctamente o semántica HTML, a navegación por teclado e a xestión do foco.
-Implementar compoñentes sen barreiras en aplicacións Angular, resolvendo os retos específicos das SPA e as contornas baseadas en compoñentes.
-Detectar e corrixir problemas de accesibilidade en aplicacións existentes, mediante técnicas de refactorización e o uso de ferramentas profesionais de testing.
-Validar a accesibilidade dunha aplicación web utilizando ferramentas automáticas e tecnoloxías asistidas, asegurando unha experiencia inclusiva para todos os usuarios.
O formador
A persoa encargada de impartir os contidos será Jorge González, enxeñeiro Técnico Industrial na especialidade de Electrónica, con 25 anos de experiencia como analista programador e máis de 20 anos como formador de tecnoloxías web e de mobilidade. As tecnoloxías que domina Jorge son HTML5, PHP, JavaScript, React, NextJS, Angular, IONIC, Drupal, Symfony, Wordpress, Freeswitch, etc...
Na súa faceta de formador estivo sempre ligada á súa experiencia profesional. Entre as empresas e organismos que asesorou ou formou atópanse Google, LinkedIn, FC Barcelona, La Caixa, Nike, Cola Cao, Pronovias, Volkswagen, Capgemini, Grupo Antolín, Gas Natural, Indra, Deloitte, La Voz de Galicia, Plexus, Disashop, Softtek, Teimas, Marine Instruments, Clúster TIC Galicia, etc.
