Vitae organiza a 40 edición dun dos cursos máis destacados do panorama estatal: o de xestión áxil con Scrum

mércores, 8 de setembro do 2021 S. P.

Se ben o mundo camiñaba directamente cara unha meirande dixitalización e cara a un estado de cousas de constantes actualizacións e renovacións tecnolóxicas, a pandemia non fixo máis que aceleralo. Así, as partes do noso labor profesional e empresarial que xa estaban ligadas ao ámbito dixital, estano aínda máis, o que nos deixa un panorama especialmente esixente e unha necesidade de estar especialmente atentas e atentos ás transformacións. Só así poderemos achegar a máxima calidade no noso labor profesional TIC e acadar a máxima satisfacción dos nosos clientes. Se ben hai accións formativas que nos axudan neste adestramento, neste panorama destaca especialmente o Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum (PDF). O curso chega á súa 40ª edición este verán, da man da formadora Josefina Alonso e da consultora galega Vitae. Ofrecerase novamente a través da aula virtual da consultora.
Será novamente unha boa ocasión para capacitarnos nas ferramentas que aseguran a máxima calidade nos nosos proxectos tecnolóxicos e, tamén, nas metodoloxías que nos permiten coñecer polo miúdo as necesidades e requirimentos dos destinatarios deses proxectos.
O curso, que achega a opción de Certificación Scrum Manager Nivel Experto, celébrase online, na aula virtual de Vitae, os días 5, 7, 8, 13, 14 e 15 de outubro.
Segundo recalcan dende Vitae Consultores, estamos ante unha actividade formativa de 16 horas que nos pon ao día nas metodoloxías coas que aplicar modelos de tráballo áxiles, uns modelos que engaden eficacia e rendibilidade e que, a maiores, permiten que establezamos a meirande proximidade cos clientes do proxecto no que estamos a traballar, sabendo o que precisan en todo intre, mesmo anticipándonos ás súas demandas e acadando a mellor comunicación posíbel.
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está, tamén, nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.

A formadora do curso, Josefina Alonso

A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE