Vitae organiza a sexta edición do seu curso sobre datos masivos e arquitecturas

martes, 13 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A consultora galega Vitae vai ofrecer os días vindeiros a sexta edición do seu exitoso obradoiro centrado na información a gran escala e nas súas posibilidades, centrándose en poñernos ao alcance da man ferramentas que nos axuden mellor a manexar datos de envergadura, avalialos e extraer, para noso día a día, conclusións e pautas de valor. O Curso Big Data Deseño e Arquitectura de Solucións con Hadoop, Spark e R, cuxa primeira edición remóntase a 2012, achega 20 horas de formación avanzada sobre recursos axeitados para tirar proveito de cada pequena parte de coñecemento que xeremos ou recibamos. E máis tendo en conta que, como sinalan dende Vitae, “na era da información cada dato importa”.
Por exemplo á hora de proporcionar vantaxes competitivas (onde é preciso coñecer as diferentes aproximacións que temos dispoñíbeis para xestión de grandes cantidades de datos).
Durante este obradoiro, que se celebra na Coruña os días 9, 10, 16 e 17 de marzo na Coruña (Hotel Attica 21), avaliaranse os diferentes camiños para abordar o manexo de datos a gran escala, mostrando as alternativas de arquitectura dispoñíbeis, con vistas a dar resposta aos requirimentos de análise de información de cada entidade ou empresa.
No curso empregarase HDinisght, a distribución Hadoop de Microsoft na nube para os laboratorios prácticos durante o curso, aínda que os conceptos serán válidos para calquera das distribucións do mercado.
Os obxectivos do obradoiro son os seguintes: coñecer as diferentes arquitecturas dispoñíbeis e posíbeis para definir unha arquitectura Big Data; diferenciar os diversos tipos de requirimentos de análise de información; e introducirnos na analítica avanzada a través dos programas Spark e R.
O curso vai dirixido a profesionais do ámbito das Tecnoloxías da Información (TI) que queiran adquirir coñecementos sobre a xestión, o manexo e a interpretación do coñecemento a esgalla.
O temario abrangue unha introdución a Hadoop, os fundamentos de almacenamento, un achegamento á configuración de servizos Hadoop, o uso de Ambari para seguimento e administración, os fundamentos de Hive, a arquitectura de Apache Spark e un achegamento ao R-Server en Spark.
O profesional que impartirá o obradoiro será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE