Vitae volve mostrarnos como crear os mellores equipos de profesionais TI

martes, 31 de xaneiro do 2023 S. P.

Vitae Consultores vai organizar no punto de inflexión entre febreiro e marzo a nova entrega (a número 19) dunha actividade formativa con importantes recursos para facer máis doado o traballo das e dos responsábeis dos equipos humanos nas empresas tecnolóxicas e, tamén, das persoas encargadas dos departamentos de RR HH. O Curso Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI terá 15 horas de duración e celebrarase a través do formato de aula virtual, os días 28 de febreiro e os días 2, 6, 8 e 9 de marzo.
A nova edición inclúe importantes actualizacións, poñendo o foco na cuestión da Intelixencia Emocional (IE), que é a habilitade que temos para recoñecer, comprender, xestionar e razoar coas nosas emocións, sendo de especial importancia na vida laboral e empresarial.
Segundo informa a consultora galega a respecto das claves que podemos extraer deste curso, un dos problemas máis frecuentes cos que se atopan os profesionais de selección e avaliación de equipos humanos reside no baleiro formativo xeneralizado que existe en materia de ferramentas psicolóxicas básicas para avaliar a un profesional. “Isto leva a que todo o modelo de estimación falle, pois falla a base, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para tal fin”, explican dende Vitae, engadindo que o primeiro paso para calibrar o perfil dun profesional é o autocoñecemento. En base a isto, “coñecernos a nós mesmos é clave para lograr a meirande obxectividade na avaliación das candidatas e candidatos”.
Neste curso proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento profesional e para a avaliación doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se use. Amais, achegarase aos participantes a metodoloxías e ferramentas coas “que xa se conseguiron porcentaxes de éxito de máis do 90% en materia de selección de perfís TI (Tecnoloxías da Información), incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”.
Segundo engade a consultora galega, o sector TI demanda máis profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral e isto xera tensións nas empresas en canto a cumprir os compromisos profesionais en calidade e prazo cos seus clientes, e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos.
Como dixemos, este curso incorpora tamén contidos centrados na Intelixencia Artificial, un moi axeitado instrumento para a correcta avaliación e selección de profesionais.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE