Vituin, unha nova plataforma social galega e en galego

venres, 18 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Unha nova plataforma social chega á Internet baixo o nome de Vituin, que presume de ser “a rede social de Galicia” e destaca por estar dispoñible en inglés, español, portugués e galego (RAG e AGAL), e que permite aos seus usuarios comunicarse cos seus amigos, crear blogues, compartir fotografías e vídeos, establecer discusións e organizar eventos, na liña doutras plataformas semellantes, e coas características propias de mooSocial, xestor de contidos co que funciona este novo espazo web, o que pode lembrar lixeiramente ao que aconteceu con servizos como Pervi.es e Socialtrend.com (que facían uso dos motores SocialEngine e iSocial respectivamente).
Aínda que entendemos que Vituin é un proxecto ben intencionado, non podemos deixar de comentar que estamos ante un servizo que incumpre a lexislación española (tanto a LSSI-CE como a LOPD) por non identificar aos seus titulares (o que é especialmente grave nunha plataforma social que almacena principalmente información persoal), polo que as súas condicións de servizo e a súa política de privacidade non inspirarían ningunha confianza aos seus usuarios. Agardemos que corrixan a situación no futuro, pois a proliferación de servizos na nosa lingua debería de ser sempre benvida.

Polo momento Vituin presenta moi pouca actividade social
O servizo conta con funcións sociais típicas como a organización de eventos