Vivo presenta os seus novos móbiles insignia innovando na estabilización do X50 Pro

luns, 1 de xuño do 2020 Marcus Fernández

O fabricante chinés Vivo presentou os novos smartphones X50, X50 Pro e X50 Pro+, que serán os dispositivos insignia da compañía, e nos modelos co apelido Pro teñen na súa traseira unha cámara cuádrupla cun zoom periscópico de até 60x, destacando o X50 Pro+ por vir equipado cun sensor Samsung ISOCELL GN1 de 50 Mpíxeles na súa cámara principal, que produce imaxes de grande calidade incluso con pouca luz.
O Vivo X50 Pro+ funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 865, mentres que o X50 Pro e o X50 confórmanse cun procesador Qualcomm Snapdragon 765G, contando todos con 5G, sendo dispositivos moi completos, que este mesmo mes estarán dispoñibles en China, mentres que o lanzamento global tería lugar na segunda metade do ano.
O Vivo X50 presume de ser o smartphone 5G máis delgado do mercado (cun grosor de 7,49 milímetros), a súa cámara traseira cuádrupla ten un sensor principal de 48 Mpíxeles, a súa pantalla de 6,56 polgadas ten unha velocidade de refresco de 90 Hz e soporte de HDR10+, a súa batería de 4.20 mAh soporta carga rápida de 33 watts, inclúe NFC, está equipado con 8 Gb de RAM LPDDR4X e 128/256 GB de almacenamento interno UFS2.1 a un prezo de venda de 3.498/3.898 iuans (441/492 euros).
Pero o Vivo X50 Pro é o smartphone que pode converterse nun grande referente pola súa cámara de 48 Mpíxeles estabilizada por unha estrutura de gimbal (mentres que o seu sensor periscópico de 8 Mpíxeles goza de zoom óptico de 5x e híbrido de 60x) que no resto de características coincide bastante co seu irmán menor, ao que supera na súa batería de 4.315 mAh con carga rápida de 33 watts. Venderase con 8 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento a 4.298/4.698 iuans (543/593 euros).
O Vivo X50 Pro+ está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 865, pantalla cun refresco de 120 Hz, cámara principal de 50 Mpíxeles (con estabilización óptica ordinaria) e batería de 4.350 mAh con carga de 44 watts non chegará a China até o mes de xullo a un prezo de 4.998 iuans (631 euros) para o modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, existindo tamén unha versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento.
Estamos ante unha familia de móbiles moi atractiva, que probablemente sexa a que Vivo empregue para o seu desembarco oficial en España, previsto para o pasado mes de febreiro, pero adiado tras a cancelación do Mobile World Congress por mor da COVID-19.

JPEG - 80 KB
A cámara principal do Vivo X50 Pro emprega tecnoloxía de gimbal para conseguir unhas imaxes especialmente estables

PUBLICIDADE