Vodafone España alerta dunha nova estafa telefónica que promete ofertas de emprego
venres, 18 de outubro do 2024
Vodafone España alertou este 18 de outubro sobre unha nova modalidade de estafa telefónica na que os estafadores tentan obter información persoal e documentos a través de chamadas automáticas. A estafa, segundo explica a operadora, consiste nunha chamada automatizada na que se informa falsamente de que o usuario foi seleccionado nun proceso de emprego ou de que recibiuse o seu currículo. Durante a chamada, proporciónase un número de teléfono para que o usuario contacte por WhatsApp, canle polo que se lle solicitará información persoal e documentos.
Estas chamadas realízanse co obxectivo de roubar información sensible.
Vodafone quixo lembrar aos seus clientes que “só pedirá os datos completos cando o usuario solicitase por primeira vez á compañía ser cliente adquirindo un servizo ou dispositivo”, e que as persoas que xa son clientes da compañía e contratan un novo servizo só serán requiridas para achegar datos parciais que axuden a verificar a identidade.
Vodafone aconsella non devolvermos a chamada a número estraños, nin manter conversas por Whatsapp con números descoñecidos, nin tampouco facilitar os datos persoais ou bancarios. Se xa fomos vítimas dunha estafa, podemos denuncialo na Garda Civil, Policía Nacional ou INCIBE.
A maiores, Vodafone España anunciou o lanzamento dunha campaña de divulgación online para axudar aos clientes a reforzar a súa seguridade dixital. O propósito é que poidan detectar mellor calquera intento de estafa ou fraude e saiban como responder ante estas situacións. Esta iniciativa informará os usuarios sobre os principais casos de fraude a través dos perfís corporativos da operadora en redes sociais (máis de 1,1 millón de seguidores) e tamén poderán acceder a unha web informativa sobre seguridade dixital na que se describen os casos máis frecuentes que afectan as operadoras de telecomunicacións.