Vodafone España desprega a súa rede da Internet das Cousas en todas as capitais de provincia
xoves, 17 de outubro do 2024
Vodafone España despregou a súa rede específica para Internet das Cousas (IoT) en todas as capitais de provincia e os seus arredores, con máis de 16.782 emprazamentos de rede. A operadora fixo saber que cada estación base desta rede Nb-IoT (rede de banda estreita da Internet das Cousas) pode conectar máis de 100.000 dispositivos “sen deixar de incrementar tanto as velocidades de descarga como a de subida de datos, ademais de reducir as latencias ou retardos”.
Esta rede soporta os 7,5 millóns de liñas de IoT activas que a operadora ten activas, cuxo proceso de medre incrementouse nun 66% respecto aos 5 millóns de conexións de 2022, informou a compañía de telecomunicacións, engadindo que “a despregadura da rede Nb-IoT de Vodafone non só representa un avance tecnolóxico, senón que tamén ten implicacións significativas para a economía, a produtividade e a eficiencia en diversos sectores”. A operadora sinala que no sector agrícola a conectividade IoT permite utilizar sensores conectados para monitorar a humidade do chan, as condicións climáticas e o crecemento dos cultivos. “Isto permite unha xestión máis eficiente dos recursos, como a auga e os fertilizantes, o que pode aumentar os rendementos e reducir custos”.
No ámbito da saúde, os dispositivos portátiles conectados “poden proporcionar aos profesionais datos en tempo real sobre os pacientes, o que permite un seguimento máis efectivo de patoloxías crónicas e unha atención máis personalizada, mellorando así a calidade de vida e reducindo custos no sistema de saúde”, sinalou a empresa, lembrando que vén de asinar un acordo de colaboración co Barcelona Health Hub (BHH) cuxo obxectivo é revolucionar a atención médica a través da aplicación de tecnoloxía de vangarda, fomentando a atracción de talento e a creación dun ecosistema de saúde dixital en España.
Outro sector no que esta tecnoloxía está a experimentar un rápido crecemento é o dos coidados e servizos sociais e asistenciais.
En mobilidade urbana, Vodafone está a impulsar a transformación dixital de cidades como Rota, onde instalou sensores IoT en pasos de peóns intelixentes, “o que permite xestionar a mobilidade de maneira máis segura e eficiente”, achegando datos en tempo real sobre a contaminación ambiental e acústica.