Vodafone España minimiza o retardo no envío de contidos de realidade virtual en tempo real

mércores, 14 de marzo do 2018 Redacción

Vodafone España vén de consolidar un importante avance en materia de comunicacións, poñendo o foco en reducir tempos e incrementar eficacia. Máis polo miúdo, a operadora levou a cabo unha demostración na que empregou a tecnoloxía MEC (Multi-access Edge Computing) para enviar contidos de realidade virtual en tempo real a través da súa rede comercial 4G, reducindo a menos da metade o retardo neste tipo de servizos.
Ademais, esta tecnoloxía usouse de maneira conxunta con solución de infraestrutura virtualizada (Network Function Virtualization) de Huawei. Estas iniciativas forman parte da estratexia da operadora para aproveitar ao máximo as posibilidades da vindeira tecnoloxía 5G, explorando servizos e potencialidades que lle serán propios.
Segundo informa Vodafone, a dita demostración consistiu en asistir desde a sede da operadora á retransmisión en directo do programa diario Yu, No te pierdas nada, de Vodafone yu, que se emite nos 40 desde os estudos da cadea SER en Madrid. Ao abeiro da proba empregáronse diferentes dispositivos, lentes e tabletas de realidade virtual nos que se podían reproducir cun campo de visión de 360 graos o que acontecía no propio estudo de gravación, no mesmo intre da súa realización e emisión.
Vodafone, para ilustrar a natureza das probas, lembra que a tecnoloxía MEC permite xestionar contidos desde a propia rede e achegalos aos usuarios, mellorando a súa percepción do servizo. “Co fin de garantir a calidade desta experiencia”, explica a empresa de telecomunicacións, “era precisa unha reducida latencia, dispoñibilidade de largo de banda e calidade de servizo a partir de recursos da rede comercial de Vodafone para retransmitir sinais de moi alta definición durante o evento, o que foi posíbel coa tecnoloxía MEC na rede de Vodafone”.

PUBLICIDADE