Vodafone España reciclou ou reutilizou 1.200 toneladas de dispositivos no último ano
martes, 1 de xullo do 2025
Vodafone España emitiu un informe sobre a súa actividade sustentable relacionada co tratamento de refugallos. No balance fai saber que reutilizou ou reciclou 1.287.161 kg. de residuos electrónicos de forma responsable, reducindo o uso de materias primas e evitando a xeración de residuos innecesarios no seu último ano fiscal (finalizado o 31 de marzo). Desta forma, o 98,2% dos dispositivos acadaron unha segunda vida e o outro 1,8% reciclouse.
Un dos eixos principais desta estratexia é a extensión da vida útil dos dispositivos. Vodafone ofrece servizos de reparación en tendas ou a domicilio, permitindo aos clientes manter as súas terminal en funcionamento mesmo fóra do período de garantía. Desta forma, no informe sinálase que reparáronse máis de 82.669 dispositivos, grazas a programas como Vodafone Care e ao uso de terminal de substitución durante o proceso.
En canto á reutilización, Vodafone dispón dun servizo de recompra de terminais en bo estado que xa non son utilizados polos clientes. Estes dispositivos reacondiciónanse e redistribúense, en moito casos, en países en desenvolvemento, facilitando o acceso á tecnoloxía a un prezo máis alcanzable e evitando que estes aparellos terminen como residuos. Ademais, Vodafone recuperou máis de 1 millón de equipos de banda larga e televisión tras a baixa de clientes e reutilizou 1,24 millóns de unidades, o que representa o 84% das instalacións realizadas este ano.
Tamén se desenvolveron iniciativas para reducir o impacto ambiental dos accesorios. Aplicáronse procesos para recuperar carcasas e fíos, e elimináronse os plásticos innecesarios na embalaxe de produtos. De forma simultánea, a compañía promove o uso de Eco-SIM fabricadas con plástico reciclado e fomenta o uso da eSIM dixital, que elimina a necesidade de tarxetas físicas.
Ademais, Vodafone participa en Eco Rating, un sistema que informa o cliente sobre o impacto ambiental dos teléfonos móbiles, incentivando así decisións de compra máis sostibeis. E no plano industrial, colabora no Asset Marketplace, unha plataforma que facilita a compravenda de equipos de rede usados. “Grazas a esta iniciativa, evitamos a emisión de 348,18 toneladas de CO₂ e reducimos a necesidade de producir novos equipos”, sinalou a operadora.
