Vodafone España reduciu un 14,5% o seu consumo enerxético por tráfico de datos na rede no último ano fiscal

venres, 15 de setembro do 2023 S. P.

Vodafone España fixo balance dos seus logros en recentes en sustentabilidade. No informe salienta o seguinte dato: a operadora foi quen de reducir nun 14,5% o consumo de enerxía por tráfico de datos de rede móbil e fixa (52,8kWh/TB versus 45,177kWh/TB) no último ano fiscal, entre abril de 2022 e marzo de 2023. “Desta forma duplicamos o aforro enerxético con respecto ao exercicio anterior (7%) a pesar dun aumento no tráfico de datos de rede fixa e móbil do 11,4%”, informa a compañía, que para lograr estes fitos tivo que traballar en varias frontes de transformación de rede durante o último ano.
Entre as iniciativas destacan o apagado da rede de cobre (coa migración da súa carteira de clientes de tecnoloxías de cobre, como o ADSL, a tecnoloxías máis eficientes como a fibra ou FTTH que permiten manexar unha maior cantidade de datos con menos consumo enerxético), os procesos de consolidación e virtualización da rede CORE con novo equipamento de última xeración (que incrementa a eficiencia enerxética, facilita a xestión de infraestruturas asociadas e permite novas oportunidades de apagado de redes obsoletas) ou a substitución dos equipos SAI ou Sistema de Alimentación Ininterrompida e equipos de enerxía máis antigos por novos modelos que reducen as perdas un 10% e melloran o rendemento enerxético da infraestrutura. Vodafone tamén está a realizar a migración dos seus clientes móbiles a servizos como VoLTE (Voz sobre LTE), que permite utilizar 4G para chamadas de voz e que supera xa o 50% dos minutos de voz rexistrados, ou VoWIFI (Voz sobre Wi-Fi), que facilita chamadas de voz en Wi-Fi optimizando a calidade en interiores.

PUBLICIDADE