Vodafone España reforza o seu negocio de prepago coa compra de Sercom

venres, 7 de marzo do 2025 S. P.

Vodafone España formalizou un acordo para a adquisición de Sercom, referente na comercialización de produtos de prepago en España. Con esta operación, Vodafone España quere reforzar a súa presenza no segmento de prepago, nas súas palabras “unha peza clave dentro da súa estratexia de crecemento no mercado nacional”. O acordo estará operativo a partir do 1 de abril de 2025.
Fundada en 2010 por Javier Mora e Cristina Ferrando, Sercom consolidouse como unha destacada compañía na distribución de produtos de prepago con solucións tecnolóxicas que cobren todos os procesos. Actualmente, Sercom traballa cunha rede de máis de 4.000 puntos de venda, incluíndo tendas de telefonía multimarca, locutorios e establecementos en portos e en aeroportos.
Con esta adquisición, Vodafone España amplía o seu alcance na canle de distribución de prepago, para “ofrecer aos clientes unha maior dispoñibilidade dos seus produtos mellorando a experiencia de compra neste segmento”.
“Esta adquisición supón outro paso máis na transformación estratéxica de Vodafone España e reforza o noso compromiso por fortalecer o segmento de prepago. Sercom achéganos unha rede de distribución sólida e experiencia no mercado, o que nos permitirá continuar innovando e ofrecendo máis opcións aos clientes”, declarou Jose Miguel García, director executivo (CEO) de Vodafone España.