Vodafone España supera os 9,3 millóns de liñas IoT
mércores, 9 de xullo do 2025
Vodafone España superou os 9,3 millóns de obxectos conectados á súa rede da Internet das Cousas (IoT) ao peche do segundo trimestre do ano (30 de xuño), unha cifra que, en palabras da operadora, afianza o seu “liderado no mercado español”. Máis polo miúdo, a operadora rexistrou un incremento de 776.608 novas liñas entre abril e xuño, o que representa un crecemento trimestral do 8,8%.
Este fito é froito da estratexia de diversificación de produtos e servizos emprendida nos últimos anos, así como da despregadura pioneira da primeira rede específica de IoT (NB-IoT) en España en 2017. Esta rede está operativa en todas as capitais de provincia e as súas áreas metropolitanas, con máis de 16.782 emprazamentos. Cada estación base permite conectar máis de 100.000 dispositivos IoT, incrementando as velocidades de transmisión e reducindo as latencias.
Ademais, ao abeiro deste compromiso coa innovación, Vodafone España lanzará este mes unha nova plataforma de xestión da Internet das Cousas co obxectivo de “desenvolver unha nova xeración de servizos intelixentes para empresas e administracións públicas”. Esta plataforma permitirá crear aplicacións avanzadas baseadas nos datos recolleitos por sensores IoT, e estará orientada a transformar sectores crave como a xestión urbana en Cidades Intelixentes, a loxística, a teleasistencia ou o ciclo integral da auga.
José Miguel García, director executivo (CEO) de Vodafone España, sinalou que “nun momento clave para a dixitalización, a innovación que supón o Internet das Cousas segue sendo un dos nosos motores de crecemento. O noso foco está en ofrecer solucións tecnolóxicas que axuden ás administracións e ás empresas para ser máis competitivas, eficientes e sostibles”.
Xestión eficiente da auga
Vodafone apostou de cheo pola dixitalización do ciclo da auga en colaboración con administracións públicas e empresas do sector. Grazas á monitoraxe e control en tempo real deste ciclo, “é posible evitar ata un 25% de perdas de auga debidas a fugas, un dato especialmente relevante nun contexto de secas prolongadas que afectan a máis do 20% da superficie peninsular”, destacou a operadora no seu balance da actividade IoT, salientando que nesta liña formalizou un acordo con Aqualia, a maior operadora privada de xestión da auga en España, para conectar á rede NB-IoT máis dun millón de contadores intelixentes durante os cinco primeiros anos do contrato.
Nesta liña, a operadora adxudicouse o maior lote do contrato do Canal de Isabel II, por máis de 25 millóns de euros, para a telelectura automática mediante NB-IoT. O proxecto inclúe a subministración de 315.000 contadores e a súa conectividade durante cinco anos.
Engadir tamén que en colaboración con CEPSA, Vodafone despregou sensores IoT na lagoa primeira de Palos de la Frontera para previr incendios. Esta mesma tecnoloxía aplícase nun piloto co Concello de Antequera e a axencia AMAYA da Junta de Andalucía, mediante un sistema de detección temperá de incendios forestais. A solución identifica partículas presentes nos primeiros minutos de combustión utilizando IA e algoritmos adaptados a cada ecosistema forestal, “permitindo así unha resposta rápida e eficaz”.
