Vodafone TV perde varias das súas canles máis importantes

venres, 22 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Vodafone España perderá desde o 1 de setembro sete canles de pagamento distribuídos por SkyShowtime ao non chegar a un acordo de renovación. Trátase de Calle 13, SYFY, Comedy Central, MTV, Nick, Nick Jr. e DreamWorks, que deixarán de estar dispoñibles para os abonados da súa televisión de pagamento.
A distribuidora confirmou que «a pesar das persistentes negociacións para acadar un acordo razoable e xusto, o contrato de distribución das canles lineais de NBCUniversal International Networks e Paramount con Vodafone España remata o 31 de agosto de 2025». Estes contidos seguirán dispoñibles noutras plataformas como Movistar Plus+, Orange TV, Euskaltel, R, Telecable, Jazztel ou Digi.
A saída destas canles supón tamén a perda de series moi populares entre os abonados, como South Park e Dragon Ball Z Kai en Comedy Central, Ley y Orden: Unidad de víctimas especiales ou Chicago P.D. en Calle 13, así como Evil, Chucky ou Wynonna Earp en SYFY.
Desde Vodafone explican que xa reconfiguraron a súa grella de programación para «seguir ofrecendo os mellores contidos de cine, series, deporte e entretemento». A compañía engade que a partir de setembro incorporará máis de 25 novas canles temáticos, co obxectivo de aumentar a variedade e a cantidade de opcións dispoñibles para os seus clientes.
As novas canles temáticas (Cines Verdi, Film&Co, Planeta de Cine, Cine Friki, Cine Western, Frecuencia Novelas, Nature Time, Nature Scape, Love the Planet, Historia y Vida, Oficios Perdidos, Motor Vision, My Padel TV, Rugby Spain, LaLiga Inside, Rabbids Invasion, Pocoyó TV, La Abeja Maya, AnimeVisión, Vivir con perros, Vivir con gatos, Love Wine, Sangre Fría, Slow Channel, Quello Concerts e Fail Army) semellan contidos propios de plataformas FAST (de balde con anuncios) como Pluto TV, Runtime, LG Channels ou Samsung TV Plus (de feito, a metade das canles están incluídas nesta última plataforma), polo que dificilmente se percibirán como unha alternativa ás canles que deixan Vodafone TV.