Vodafone achega 300.000 euros ás ONG e habilita un número solidario con UNICEF

venres, 3 de abril do 2020 S. P.

A operadora Vodafone, a través da súa fundación, segue mantendo o listón da solidariedade ben alto, e faino con das importantes novidades para axudar á xente en tempos de COVID-19 presentadas co comezo de abril: por unha banda a entrega de 300.000 euros ás organizacións non gobernamentais Cruz Vermella España, Fundación ONCE e Save the Children, e, pola outra, a habilitación dun número de envío de SMS solidarios para colaborar con UNICEF na distribución de material sanitario.
Respecto da primeira iniciativa, as axudas de 300.000 euros irán destinadas ás actividades que están a desenvolver as tres organizacións humanitarias para “paliar os efectos que a pandemia de COVID-19 está a provocar en España”.
Cruz Vermella recibirá unha doazón de 200.000 para o seu programa Cruz Vermella Responde, a través do cal xa levou a cabo máis de 160.000 intervencións na primeira semana desde a súa implantación para loitar fronte ao COVID-19. A achega da Fundación Vodafone irá destinada á adquisición e distribución de equipamento básico de protección persoal, respiradores volumétricos e outros materiais sanitarios e a cubrir as necesidades básicas de alimentación, hixiene persoal e do fogar, produtos sanitarios, etc. de familias en situación de vulnerabilidade.
A Fundación ONCE, para a súa iniciativa Non estades sós, recibirá por parte da Fundación Vodafone 50.000 euros que lle permitirá seguir adquirindo equipos de protección individual e outros materiais sanitarios. Por último, Save The Children recibirá 50.000 euros para reforzar o seu programa Ao teu Lado, polo cal atende aos nenos e nenas de máis de 2.000 familias sen recursos, “os máis vulnerábeis nestes momentos”, en palabras de Vodafone.
O teléfono solidario de UNICEF
Vodafone España puxo a disposición dos seus clientes un número de móbil para axudar a UNICEF na distribución de material sanitario con motivo da actual emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus. Quen queira colaborar con esta iniciativa poden enviar un SMS coa palabra “UNICEF” ao 28052 e o custo íntegro da mensaxe (1,2 euros) irá destinado a esta organización.

PUBLICIDADE