Vodafone achega a súa rede 5G ao 90% da poboación este ano

mércores, 19 de febreiro do 2025 S. P.

A operadora Vodafone España segue adiante co seu despregamento de cobertura 5G coa vontade de chegar ao 90% da poboación e máis de 3.700 municipios a finais deste ano, superando as obrigas de despregamento prometidas. Deste xeito, este novo despregamento da 5G realizarase en arredor de 1.000 novos municipios situados en 49 provincias: Vodafone despregará 5G en 513 municipios de menos de 1.000 habitantes e en 388 de menos de 10.000 habitantes. Asemade, a cobertura 5G ampliarase a 56 municipios entre 10.000 e 50.000 habitantes.
A operadora emprega a frecuencia 5G de 700MHz para mellorar a cobertura especialmente en interiores de edificios, achegando gran dispoñibilidade de ancho de banda e de transmisión de datos, o que supón unha enorme vantaxe en contornas rurais e pequenas localidades. 5G permite descargar contidos 5 veces máis rápido que coa rede 4G e gozar de mellor cobertura e servizo en interiores, así como de menor latencia para acceder aos contidos, proporcionando un servizo 5G diferencial para reducir a fenda rural e impulsar a transformación dixital das empresas, así o indicaba Julia Velasco, Directora de Tecnoloxía e Operacións de Vodafone España.