Vodafone anuncia que A Coruña e Vigo serán actualizadas ao longo deste ano á frecuencia de 700 MHz

martes, 11 de xaneiro do 2022 S. P.

Vodafone España anunciou que vai ofrecer cobertura 5G co aceso da frecuencia de 700 MHz en 109 municipios de 30 provincias de forma progresiva dende hoxe. Farao tras a adquisición de 2x10 MHz de espectro na banda de 700 MHz en xullo. Este primeiro despregamento na frecuencia de 700 MHz inclúe 54 municipios de máis de 50.000 habitantes e 55 de menos de 50.000 habitantes.
A operadora explica que “grazas á rede 5G, os habitantes destes concellos contarán con conectividade para descargar contidos a 3 veces máis velocidade que coa 4G, unha menor latencia para poder visualizar ou xogar en liña sen retardo e a posibilidade de ter un maior número de dispositivos conectados de forma simultánea e sen perder calidade”.
Ademais, engade a compañía, “a rede 5G na frecuencia de 700 MHz permitirá ampliar a pegada de cobertura de forma extensa e ofrecer mellor cobertura tamén en interiores de edificios, con gran dispoñibilidade de largo de banda”.
Así mesmo, este primeiro despregue integra a actualización progresiva con 700 MHz nas 25 grandes cidades xa cubertas con 5G en 2019. En concreto, 17 das 25 grandes cidades verán reforzada ou aumentada a cobertura que xa tiñan con 3,5 GHz na primeira onda. Se ben na listaxe de urbes beneficiadas en primeira instancia con este fortalecemento non se atopa ningunha galega, Vodafone fixo saber que A Coruña e Vigo inclúense no paquete de cidades (xunto con Xixón, Santander, Bilbao, Vitoria, Badaxoz e Alacante) que serán actualizadas ao longo de 2022 á frecuencia de 700 MHz.

PUBLICIDADE