Vodafone combate a contaminación nas cidades coas súas lonas de publicidade

mércores, 25 de outubro do 2017 Redacción

Vodafone quere combater a contaminación nas cidades. Nesta liña é onde se sitúa a nova liña de lonas publicitarias que está a despregar nos espazos urbanos do ámbito estatal, unha liña que xa comezou a ser visíbel en Madrid (Paseo de la Castellana) e Bilbao (Gran Vía 33). A pregunta que nos podemos facer é: até que punto estes equipamentos urbanos poden contrarrestar a polución no ar? Segundo aclara a operadora de telecomunicacións, trátase de dous cartaces de gran tamaño que “son quen de eliminar a contaminación ambiental como o farían 1.100 árbores durante un mes”. As lonas, cuxa instalación está enmarcada na campaña O futuro é apaixonante. Ready?, están cubertas dunha solución con dióxido de titanio que absorbe o 85% dos gases contaminantes nun radio de acción entre 40-60 metros.

A lona do Paseo da Castelllana de Madrid

O efecto, denominado “fotocatálise” é semellante á fotosíntese das plantas e permite reducir o efecto invernadoiro e eliminar os compostos nocivos do aire como o farían 500 árbores en Bilbao e 600 en Madrid durante as 4 e 3 semanas en que estarán despregadas as lonas en cada localización, sumando un total de 1.100 árbores. Segundo explica Vodafone, “esta é a maior iniciativa deste tipo levada a cabo por un anunciante en España até a data e unha das máis importantes a nivel mundial”. A instalación foi desenvolvida pola axencia MEC para Vodafone España.

PUBLICIDADE