Vodafone despregará a rede privada 5G da Unidade Militar de Emerxencias

luns, 18 de novembro do 2024 S. P.

Vodafone España será a operadora encargada de implementar unha rede privada 5G de alta capacidade na rede de telecomunicacións da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Esta adxudicación enmárcase dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Gobierno e ten unha duración de 26 meses e un valor estimado de máis de 1,5 millóns de euros máis IVE.
O seu obxectivo é “reforzar as capacidades de intervención da UME en situacións críticas, modernizando as súas comunicacións en situacións de risco e asegurando unha cobertura ininterrompida en calquera parte do territorio”.
Con esta adxudicación, Vodafone reafirma o seu compromiso coa innovación e a modernización das infraestruturas críticas de comunicación no ámbito da seguridade e das emerxencias, “apoiando á UME na súa misión de protexer e salvagardar aos cidadáns fronte a situacións de risco”.

Jesús Suso, director de Vodafone Empresas

A rede 5G privada despregábel que activará Vodafone está baseada nunha arquitectura concentrada que “é compatíbel con distintas bandas de frecuencia”, explicou a operadora, engadindo que esta rede estará dispoñíbel en todo o territorio nacional “ofrecendo unha alta capacidade para a transmisión de imaxes, vídeo e datos durante as operacións da UME e integrarase tanto na rede pública como na privada”.
Para Vodafone, un dos aspectos máis innovadores deste proxecto é a posta en marcha dun dron cativo, que ampliará a zona de cobertura e garantirá a conectividade en zonas onde o terreo presente obstáculos, ao estar conectado á rede 5G. Esta ofrecerá “unha cobertura que poderá estenderse ata un radio de 10 quilómetros en liña de visión directa e ata 5 quilómetros en terreos máis difíciles como áreas boscosas, cubrindo toda España”.
Jesús Suso, director de Vodafone Empresas destacou: "Esta rede privada 5G que proporciona servizo á UME é un claro exemplo de como as redes 5G poden transformar as comunicacións en sectores críticos. Este proxecto sitúa a España á vangarda no uso das redes privadas 5G para mellorar as capacidades de intervención en situacións de emerxencia, aliñándose con iniciativas similares a nivel internacional e cos traballos en curso da OTAN".