Vodafone e Down Pontevedra lanzan iniciativa pioneira de inserción laboral

venres, 28 de xullo do 2017 Redacción

Os días pasados presentouse no Pazo de Mugartegui en Pontevedra unha iniciativa de networking directamente encamiñada a ceibar de obstáculos o camiño das persoas con síndrome de Down cara as empresas da nosa contorna. Trátase de Enreda2, un proxecto que vén da man de Xuntos (Down Pontevedra) e a Fundación Vodafone España e que inclúe entre as súas grandes liñas de traballo a de xuntar (precisamente) ás empresarias e aos empresarios da contorna con rapazas e rapaces no. Para materializar as súas propostas, Enreda2 abrangue encontros, xeiras de traballo compartido e faladoiros, amais da formulación de diversos xogos. A través desta iniciativa, o empresariado pode coñecer de primeira man as vantaxes de contar nas súa fileiras con mozos do devandito colectivo. Enreda2 insírese nun proxecto máis amplo, estatal, para loitar contra as fendas sociais e de empregabilidade a través das TIC.
Para presentar esta iniciativa estiveron presentes a deputada de Cohesión social e Xuventude, Digna Rosa Rivas Gómez; a técnica de Benestar Social e Deportes, Patricia González; o responsábel de Administracións Públicas de Vodafone España en Pontevedra, Severino Castromán; e o presidente de Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez Cabo. Todos eles coincidiron en subliñar a importancia das novas tecnoloxías como facilitadoras de inserción laboral e como vehículos para a xeración de oportunidades de emprego en colectivos en risco de exclusión. Neste senso, Patricia González lembrou que “Down Pontevedra aposta pola formación en novas tecnoloxías co fin de posibilitar que as persoas con diversidades de calquera índole desempeñen postos de traballo nos que hai anos estaban practicamente excluídos”.
Tamén salientaron que Enreda2 xorde directamente dunha proposta de alcance estatal, o proxecto de formación prelaboral Yo me me prep@ro, cuxo obxectivo é proporcionar a esta mocidade “as ferramentas e estratexias precisas en aspectos clave como o uso axeitado das TIC, ou sexa, programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles”. E todo, engaden dende Xuntos, “co obxectivo de axudarlles a salvar a fenda dixital que lles condiciona enormemente á hora de atopar un posto de traballo, o que supón unha seria traba ás súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posíbel”.
Na cita tamén se fixo saber que este ano están a recibir na provincia de Pontevedra a devandita formación prelaboral en novas tecnoloxías 8 persoas usuarias de Down Pontevedra Xuntos, que “adquiren as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado ou empregada”.
Este alumnado de Pontevedra sumarase a outro en diversas provincias, alcanzando un total de 240 mozos e mozas que recibirán esta formación en toda España. En total, engadiuse, serán 10.500 horas docentes apoiadas en vídeo-titoriais sobre o uso avanzado da Internet, a xestión do correo electrónico ou o manexo redes sociais como LinkedIn, entre outras habilidades.
Este ano, o proxecto vai pola súa terceira edición. Desde a súa posta en marcha en 2014, e “malia complicadas condicións do mercado de traballo”, este programa conseguiu 222 contratos para mozos e mozas con síndrome de Down.
A realización deste proxecto enmárcase dentro do convenio marco subscrito o 8 de novembro de 2013 entre Fundación Vodafone España, Plena Inclusión e Down España para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción laboral.

PUBLICIDADE