Vodafone e Huawei impulsan a fechadura intelixente baseada en IoT

mércores, 17 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Vodafone segue a dar pasos firmes no eido dos obxectos conectados, un dos ámbitos nos que a compañía está (sen dúbida) está a centrar máis e mellores esforzos. Se os días pasados falamos do incremento da súa cobertura IoT para cidades estatais, hoxe a compañía desvelou os detalles dun enxeño concreto que nos axuda a comprender os miúdos detalles que abrangue o universo IoT (Internet of Things) e, tamén, as súas posibilidades para o noso quefacer diario. Trátase dunha tecnoloxía que subministra acceso sen chave ás portas do noso fogar, local hostaleiro ou empresa. Sen chave e co engadido extra de ser “segura, cómoda e estar baseada na análise avanzada de datos”. O enxeño de fechadura intelixente foi deseñado por Vodafone, Huawei e Top Dixital.
En troques de chave, o que se precisa é un teléfono móbil, o que segundo informa a operadora é de especial interese para os usuarios dos hoteis e tamén para administradores de propiedades. A solución, comercializada en España por Vodafone con Top Dixital como socio, ofrece diferentes tipos de apertura a través de NB-IoT, segundo informan estas empresas “doadas de instalar e moi adaptábeis ás necesidades e preferencias dos clientes”.
O enxeño de fechadura intelixente, desenvolvido por Vodafone e Huawei, integra a tecnoloxía NB-IoT, o que permite a súa instalación dentro de edificios e sotos, mesmo cando hai un sinal de cobertura feble, o que garante a transmisión de datos. Esta tecnoloxía elimina o Wi-Fi e o Bluetooth, e mellora a conectividade, o que redunda, segundo inciden as dúas empresas, nun menor gasto de enerxía e nunhas meirandes confiabilidade e seguridade. Amais da tecnoloxía NB-IoT, a tecnoloxía resultante habilita a solución E2E coa plataforma Huawei OceanConnect IoT.

PUBLICIDADE