Vodafone e Orange tamén ofrece fibra óptica simétrica a través da rede de Movistar

martes, 20 de decembro do 2016 Marcus Fernández

A competencia da fibra óptica até o fogar está a avanzar máis rápido do que se prevía, e aínda que Vodafone e Orange aínda non contan cunha rede propia moi grande, nas zonas reguladas pola CNMC (que en Galicia só deixaría fóra á cidade de Vigo) están comezando a ofrecer o seu servizo de fibra óptica simétrica a través da rede de Movistar, o que permite levar a súa oferta de servizos a moitos máis consumidores.
Aínda que a fibra óptica indirecta non é unha novidade, até o momento Movistar só ofrecía conexións a 30 Mbps, pero agora inclúe tamén os seus paquetes de 300 Mbps simétricos, de xeito que Orange xa comercializa esa velocidade, e a partires do xoves tamén fará tal Vodafone, de xeito que as súas ofertas converxentes poderán chegar a vivendas que teñan cobertura de fibra de Movistar, aínda que cunha importante diferenza: os seus paquetes manterán o prezo da fibra directa, pero carecerán da posibilidade de contratar servizos de televisión. No caso de Orange, a fibra indirecta tería un prezo 3 euros superior ao da fibra directa (aínda que neste caso si incluiría o servizo de Orange TV).
Cómpre detallar que polo momento a fibra indirecta só ofrecerase nos casos onde Vodafone e Orange non teñan tampouco cobertura de ADSL directo (ou sexa, que os operadores buscan en todo caso potenciar o uso das súas redes propias, acorde ao escenario de competencia que se busca propiciar).

Presenza galega na fibra indirecta

Tamén é salientable o caso do operador móbil virtual Oceans, con sede na Coruña, que actualizou as súas condicións, de xeito que ofrece conexións de 30 e 300 Mbps simétricos a 47,53 e 54,14 euros respectivamente, incluíndo chamadas a móbiles a 0 céntimos/minuto, tarifa plana de chamadas a fixos e 1.000 minutos a fixos de 12 países. Estas conexións tamén se ofrecen en paquetes que inclúen liña móbil con chamadas ilimitadas, resultando tamén rechamante a opción de poder contratar a fibra óptica sen liña telefónica fixa, de xeito que unha conexión de 30/10 Mbps custaría 29,54 euros/mes e unha de 300/300 Mbps tería un prezo de 45,90 euros/mes.

PUBLICIDADE