Vodafone e unha ducia de grandes empresas amosarán en Vigo as claves do seu éxito

martes, 3 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Vigo vai acoller o vindeiro 11 de outubro unha macrosesión de presentación de casos de éxito empresarial. E dicirmos o de “macro” non tanto pola cantidade de compañías que participan, mostrando os seus achados e os froitos recollidos ao longo das súas traxectorias no mercado, senón máis ben polo seu tamaño. Concorren, entre outras empresas de envergadura, a operadora de telecomunicacións Vodafone, UniversalPay (servizos de pago dixital e con cartón), JCDecaux (publicidade exterior), Mercedes-Benz, Banco Santander ou American Express. Todas elas debullarán as claves do seu éxito perante as PEME locais.
A cita será inaugurada ao fío das 9.00 horas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e polo presidente da CEP, Jorge Cebreiros. Celebrarase no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Está prevista a asistencia de preto de 200 empresas galegas.
A sesión insírese no movemento Impulsando PEME, promovido por 13 compañías referenciais nos seus sectores e que conta coa colaboración de CEPYME. O seu obxectivo é o desenvolvemento e modernización das pequenas e medianas empresas do ámbito estatal, a partir das mellores ideas e innovacións de, en palabras dos impulsores do movemento, “grandes compañías que tamén foron PEME e que hoxe son líderes nos seus respectivos mercados”.
A xornada, ao longo de dúas horas, achegará aos presentes a cuestións como a dixitalización nas empresas, o aforro e a xestión eficiente da enerxía, a apertura de mercados internacionais, a prevención de “ciber-riscos”, a xestión intelixente de frotas, a sustentabilidade e xestión de residuos ou as oportunidades que ofrece o uso avanzado dos novos medios de pago.
Asemade, no transcurso do evento, farase entrega a dúas empresas galegas do Premio Vodafone á Transformación e do Premio Endesa á Eficiencia Enerxética.

PUBLICIDADE