Vodafone emprega a realidade aumentada para resolver as avarías dos clientes

venres, 9 de xuño do 2023 S. P.

A empresa de telecomunicacións Vodafone vén de integrar tecnoloxías de Realidade Aumentada para axudar aos seus clientes de fibra e de Vodafone TV na resolución de avarías. Con este novo proceso pretenden mellorar a experiencia achegando flexibilidade e axilidade a esta xestión.
O proceso é moi sinxelo para o cliente, segundo destaca a operadora. No caso de que algún dos seus equipos sufrise unha avaría, a compañía procede a enviarlle un ao seu domicilio. Unha vez recibido, tan só terá que entrar na súa aplicación móbil O meu Vodafone e seguir unha guía doada que, empregando a realidade aumentada e a cámara do seu smartphone, axudaralle a conectar o cableado do novo equipo e verificará posteriormente que a instalación é correcta. Esta validación realízase comprobando que os cables están conectados no lugar axeitado e que as testemuñas luminosas do router son os correctos, todo a través da cámara do móbil do cliente e sen ter que abandonar a aplicación O meu Vodafone.
Dicir que este novo servizo está dispoñíbel inicialmente para a instalación por avaría de routers con tecnoloxía HFC e para o decodificador Vodafone TV 4K con tecnoloxía FTTH e HFC, aínda que se irá ampliando de xeito progresivo a equipos que soporten o resto de alternativas.
Grazas a este novo proceso, a satisfacción dos clientes coa aplicación O meu Vodafone medrou exponencialmente, salienta a operadora, que destaca que se converteu nunha das apps do sector teleco mellor valoradas. Tanto é así que é a única deste sector que está situada no Top10 de aplicacións gratuítas de Play Store e a operadora toma en consideración os comentarios e suxestións dos seus clientes para seguir mellorando a experiencia nos distintos procesos que se poden levar a cabo dende a dita aplicación móbil.
A aplicación O meu Vodafone rexistrou máis de 120 millóns de visitas en 2022 e vén de recibir o premio Excelencia en Tecnoloxía de Servizo ao Cliente 2023 de Business Intelligence Group.

PUBLICIDADE