Vodafone empregará a rede de fibra óptica de Telefónica alí onde non teña cobertura de seu

xoves, 16 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Telefónica e Vodafone veñen de pechar un acordo comercial de acceso maiorista á rede de fibra óptica do operador español por parte da compañía británica en todo o territorio español, e non só nas poboacións que especifica o regulamento da CNMC, o que no caso galego suporá que a cidade de Vigo si estaría dentro deste acordo (pese a que a cidade está considerada como cun nivel de competencia tal que non sería preciso que Telefónica compartise a súa infraestrutura de fibra óptica alí).
Deste xeito, Vodafone poderá completar a cobertura das súas redes de fibra óptica e mellorar o ámbito no que pode ofrecer a súa banda larga ultra rápida e servizos de televisión, e a compañía británica comprométese con Telefónica por 5 anos, co que espérase que ambas compañías poidan optimizar os seus investimentos en infraestruturas de rede.
Os principais beneficiados deste acordo son os consumidores, pois conséguese unha maior cobertura para os servizos de fibra de Vodafone, facendo que zonas nas que a competencia é deficiente poidan existir varias compañías competindo entre si (aínda que fagan uso da mesma infraestrutura) o que resulta crucial no contorno actual no que a converxencia xoga un rol crucial, de xeito que carecer de cobertura de fibra en certas zonas tamén afecta á captación de clientes de servizos móbiles e de televisión.

PUBLICIDADE