Vodafone impulsa o ambicioso proceso de dixitalización de Logitravel

xoves, 9 de agosto do 2018 Redacción

Logitravel, a operadora turística española, uniu forzas con Vodafone para, en palabras das dúas empresas, “liderar a dixitalización no mundo das axencias de viaxes”. En termos máis concretos, Logitravel confiou na operadora os seus vindeiros pasos en materia de innovación tecnolóxica, buscando cousas como unha meirande rapidez nas páxinas web do grupo, unha maior capacidade de facer comunidade e un proceso de optimización máis continuo e eficaz. En última instancia, sinala a compañía turística, búscase dar aos usuarios o que buscan.
En base ao acordo asinado entre as dúas partes, Vodafone proporciona diferentes solucións para Logitravel que fan posíbel mellorar desde a conectividade ata a produtividade dos empregados ou a seguridade das webs que dispón o Grupo: Logitravel, Roomdi, Alitravel, entre outras. Estas tecnoloxías “permiten optimizar o tempo e os custos, e reverter esa eficiencia na mellora continua da experiencia de usuario”, explican.
Máis polo miúdo, Logitravel conta coa solución de Content Delivery Network (CDN) de Vodafone, que fornece ao grupo turístico de vantaxes competitivas, permitíndolle facer cousas como contar “coas webs máis rápidas do sector turístico en España, á vez que mellora a protección fronte a ciberataques”, sinalan as dúas compañías, engadindo que o servizo de CDN mellora o tempo de resposta ao cliente e mellora nun 15% a velocidade de transmisión de datos aos usuarios en Europa.
Doutra banda, a través do acordo formalizado, a operadora de telecomunicacións está a subministrar a Logitravel ferramentas que lle permiten mellorar a produtividade aos máis de 800 empregados que ten o grupo en todo o mundo. É o caso de G-Suite e Google Apps, aplicacións de colaboración que facilitan que os empregados da axencia poidan traballar na nube desde calquera lugar, e sen necesidade de ter servidores propios.

PUBLICIDADE