Vodafone impulsa o potencial turístico do Grove e Sanxenxo cunha nova web
mércores, 20 de marzo do 2024
Vodafone presentou este mércores 20 no Real Club Náutico de Sanxenxo a nova web turística da Mancomunidade de Salnés para os municipios de Sanxenxo e O Grove, a páxina www.destinosalnes.com, un portal que permitirá a residentes e turistas dispoñer de toda a información necesaria para gozar ao máximo dos distintos atractivos turísticos destas localidades.
Segundo explicou a operadora, “trátase dunha web dinámica, intuitiva e de fácil navegación, que se deseñou de maneira responsive e pensando nos usuarios finais e en base a criterios de usabilidade centrados na facilidade da aprendizaxe, a baixa taxa de incidencias, os baixos niveis de frustración, a satisfacción subxectiva e a universalidade”. A compañía tamén salientou que os contidos do portal actualízanse en tempo real dende o xestor de contidos, cuxos detalles tamén se debullaron este mércores. Respecto das súas características, serve como repositorio dos contidos que se utilizan en plataforma e permite á Mancomunidade “dispoñer de contido turístico actualizado de forma automática e centralizada”, destacou Vodafone, detallando deste xeito as súas principais vantaxes:
-Permite que os propios comercios, restaurantes e aloxamentos poidan dar de alta os seus establecementos e manter ao día a información mostrada na páxina web.
-Pode integrarse con ferramentas de mensaxería e de mercadotecnia por correo electrónico, posibilitando o envío de correos a grupos de usuarios, a xeración de boletíns, confirmacións de alta de usuarios, etc.
-Utiliza motores de procura, facilitando a integración con outros motores de procura de forma eficiente e sinxela.
-Dispón de ferramentas que permiten a xestión dunha axenda de eventos, como actos nun municipio, ofertas dun servizo e/ou produto ou actividades temporais ligadas a un punto de interese turístico.
Jose Suárez, director territorial de Vodafone en Galicia, afirmou: “Estamos encantados de inaugurar esta innovadora web turística como parte do noso compromiso co desenvolvemento das cidades intelixentes. Este proxecto é un claro exemplo de como a tecnoloxía pode mellorar a experiencia turística e contribuír ao crecemento das comunidades locais”.
Pola súa banda, Jesús Herrero, director xeneral de Red.es, sinalou: “Para Red.es é un pracer ver en primeira persoa como as convocatorias se converten en proxectos reais, que teñen repercusión positiva nas persoas e nas súas vidas. É moi satisfactorio ver como a dixitalización está a chegar e transformar todos os ámbitos da sociedade, o día a día da cidadanía, de concellos como este e do seu tecido produtivo, que é o máis importante”.
O desenvolvemento do novo portal turístico forma parte do proxecto Sanxenxo e O Grove: Polos Turísticos Intelixentes, adxudicado a Vodafone por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial no marco da convocatoria de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI).
Entre as actuacións expostas, que se presentarán nos próximos meses, contémplanse tamén unha solución de estacionamento intelixente, destinado a desconxestionar as zonas de alta densidade e fomentar medios de transporte sustentábel; e un proxecto de Smart Beach para facer monitoraxe das ocupacións e accesos, implementar conexións Wi-Fi e usar aplicacións móbiles para informar o turista da meteoroloxía na zona ou dos servizos dispoñíbeis, entre outros servizos…