Vodafone impulsa unha tecnoloxía espacial para estender a cobertura móbil

mércores, 4 de marzo do 2020 Redacción

A plataforma de contidos Rakuten e a operadora de telecomunicacións Vodafone veñen de unir forzas para mellorar a cobertura móbil arestora dispoñíbel e estendela a máis persoas, dispositivos e lugares. E fixérono converténdose nos principais investidores dunha venture destinada a fortalecer as comunicacións mediante a que sería, en palabras das dúas empresas, “a primeira rede de banda larga móbil que transmitirá dende o espazo”. Trátase da tecnoloxía espacial de AST & Sciencie.
A primeira conexión directa con smartphones convencionais levarase a cabo a través da tecnoloxía de órbita terrestre baixa (LEO) e rede satelital de baixa latencia de AST & Science, coñecida como SpaceMobile.
O obxectivo é fortalecer, precisamente, a tecnoloxía SpaceMobile que, será “especialmente relevante para o mercado móbil mundial, que xera xa un billón de dólares anuais”, explica Vodafone, engadindo que grazas a ela, “eliminaranse os problemas de cobertura que experimentan hoxe en día os cinco mil millóns de clientes que sofren cortes de conectividade diarios”.
Asemade, a operadora salienta o seu potencial para acadar que as comunidades que contan cun servizo máis precario teñan acceso, antes do previsto, “aos últimos servizos móbiles e poidan, así, ter acceso á economía dixital”.
AST & Science ofrecerá inicialmente servizos 4G a redes asociadas de todo o mundo e no futuro ofrecerá 5G. A rede de SpaceMobile facilitará a conectividade en itinerancia (roamin) desde e cara a redes móbiles terrestres cunhas tarifas de datos semellantes e sen necesidade de implementar equipos de satélite especializados.
Ademais do investimento realizado en AST & Science, Vodafone asinou unha alianza estratéxica para achegar os seus coñecementos técnicos, operativos e regulamentarios no despregue global de SpaceMobile.

PUBLICIDADE